Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Novembro 2024.

Haberá folga se a Xunta non convoca a mesa do naval

    Os sindicatos CCOO, UGT e CIG manifestáronse este xoves en Vigo desde o estaleiro Armon ata a Inspección de Traballo en sinal de reivindicación e loito polo falecemento dun operario o mércores, menos dun ano despois da morte doutro traballador en Cardama.

    21/09/2023.
    Concentración diante do estaleiro Armon antes de comezar a manifestación (21/9/2023)

    Concentración diante do estaleiro Armon antes de comezar a manifestación (21/9/2023)

    As tres organizacións achacan o fatal sinistro ás condicións laborais e á falta de compromiso da Xunta e da Inspección, que «seguen facendo caso omiso» das denuncias presentadas. Preciariedade, subcontratación, ritmos de traballo elevados, xornadas abusivas e falta de investimento en prevención laboral con algunhas das situacións denunciadas.

    Nun comunicado conxunto, lido ao remate da manifestación, os sindicatos lamentan que nos últimos anos se está comprobando como se pretende «impoñer un novo modelo de traballo no sector». Este sería o empregado polo grupo Armon, «un modelo subvencionado pola Administración, sen ningún control sobre as condicións de traballo en materia de seguridade, que empeora as condicións laborais do centro de traballo».

    O naval, «como sector de alto risco —advirten—, ten que apostar por unha industria auxiliar forte e con estrutura con capacidade de achegar na prevención e seguridade dos traballadores e das traballadoras».

    «Levamos anos solicitando a xuntanza da mesa do naval, organismo fundamental para coordinar e impoñer as directrices que deberían implantarse neste sector de forma uniforme e poder abordar os retos que ten o naval da ría de Vigo», como a xubilación anticipada e os coeficientes redutores que sirvan para renovar os cadros de persoal e evitar traballar con determinadas idades nun sector de alto risco.

    «Acabaron as esperas, acabaron as boas palabras: temos que pasar aos feitos, non imos agardar a que morra outro compañeiro máis». Por esta razón, se a Xunta non convoca en quince días a mesa do naval, «convocaremos folga no sector», explican os sindicatos.