Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Novembro 2024.

'A forza e a firmeza do traballo e a cultura': un libro necesario en «tempos convulsos»

    CCOO presentou o xoves o libro A forza e a firmeza do traballo e a cultura, co que pon o ramo ás conmemoracións iniciadas hai máis dun ano sobre o 50.º aniversario da folga xeral que paralizou Vigo no verán de 1972. O acto congregou numerosos representantes institucionais e sindicalistas históricos no museo MARCO de Vigo, edificio sobre o que hai medio século se erguía o cárcere en que foron parar moitos dos represaliados após aquel conflito. Ligazón imaxes

    14/07/2023.
    Acto de presentación do libro

    Acto de presentación do libro

    Para CCOO, a lembranza daqueles feitos «non pode quedar nun simple exercicio de nostalxia, senón que ha ser un instrumento para entender a nosa realidade actual, para proxectar a loita por unhas condicións de traballo xustas, por dereitos políticos e sociais que ninguén nos regalou». Tamén, e especialmente no contexto actual, «para poñer en valor que a democracia, en Galicia e en España, a trouxeron a loita dos traballadores, dos estudantes e a mobilización social».

    Niso se centra este libro, a partir das diferentes perspectivas que achegan dezanove autoras e autores: José G. Barral, Francisco Castro, Manuel da Costa, Montse Fajardo, Santiago Ferragud, Stella Maris González Balbuena, Inma López Silva, Ramón Nicolás, Xabier Paz, Xosé A. Perozo, María Xosé Porteiro, Xavier Queipo, Benxamín Rocha Coladas, Jorge Rodríguez Pérez, Clara do Roxo, Rexina Vega, Benito Pérez Fuentes, Santiago García Cameselle e Eduardo Rodríguez Saiz.

    No acto tamén estiveron presentes tanto o alcalde de Vigo, Abel Caballero, como representantes dos grupos municipais da corporación, así como as cabezas de lista de Sumar e do PSOE para o Congreso, entre outras personalidades do mundo político e institucional.

    Na súa intervención, o alcalde aplaudiu a oportunidade do libro, pois, malia se referir á folga de 1972, esta «está moi presente». Así mesmo, deulles os parabéns ao sindicato e aos coautores do traballo por deixaren reflectida nunha obra destas características «a parte da historia do traballo máis relevante de Vigo e da súa comarca».

    O secretario de Acción Sindical de CCOO, Armando Iglesias, en nome da dirección nacional do sindicato, expresou que hoxe en día «estamos nun momento político moi convulso» no que «parece que todo vale». Tamén alertou sobre a «voráxine» de informacións falsas cuxo único obxectivo é facilitar que a dereita chegue ao poder, «porque lles garante levaren a cabo as políticas que queren aplicar e que non benefician a clase traballadora».

    Por esta razón, «e sabendo ben cal é o noso papel», reiterou a aposta sindical «polas forzas progresistas, as que miran polo noso futuro e o dos nosos fillos».

    A secretaria xeral da Unión Comarcal de CCOO de Vigo, Montse Carrera, reivindicou o que para CCOO son «valores fundamentais», como a xustiza, a liberdade, a seguridade e o progreso. «Estamos, como dixeron os compañeiros e compañeiras que me precederon, nun momento moi importante», a días de que «este país decida o rumbo que vai levar». A seguir, leu o manifesto elaborado polas Comisións Obreiras viguesas en que se fai un chamamento á participación e ao voto nas eleccións xerais do 23 de xullo.

    Unha das intervencións máis aplaudidas foi a do veterano militante comunista Xesús Alonso Montero, quen se congratulou pola «boa idea» que tivo o sindicato á hora de editar este libro, que recolle «parte» do que aconteceu aquel verán de 1972 en Vigo. O tamén expresidente da Real Academia Galega é autor dun dos traballos incluídos no volume, «Literatura sobre a loita obreira viguesa en setembro de 1972», dedicado in memóriam a Luís González López, Ferreiro, un dos «homes fundamentais» do éxito daquela folga e falecido en xaneiro do 2021.

    Ligazóns relacionadas
    Ligazóns relacionadas