Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Novembro 2024.

Corbacho, novo secretario xeral de CCOO-Industria de Galicia

    O Consello Nacional extraordinario de CCOO-Industria de Galicia elixiu como novo secretario xeral a Juan Carlos López Corbacho, ata o momento responsable de Política Industrial desta federación. O dirixente sindical agradeceu a confianza depositada na súa persoa e fixou como primeiro obxectivo o convenio do metal da provincia de Pontevedra, onde as traballadoras e traballadores levan xa varias xornadas de folga.

    29/06/2023.
    Juan Carlos López Corbacho

    Juan Carlos López Corbacho

    Na súa primeira conferencia de prensa como dirixente da federación, propúxolle á patronal do metal pontevedresa ter en conta o que se pactou no sector do metal da Coruña, Lugo e Ourense. «Aí ten a referencia», subliñou. Ademais, esixiulle tratar con respecto as persoas traballadoras, «que bastante mal o están pasando».

    O secretario xeral de CCOO-Industria de Galicia pediu «cordura» e denunciou que «faltan gañas de chegar a acordos», alén de lle reprochar á Xunta de Galicia a súa ausencia neste importante conflito. Así mesmo, reclamou que se respecte o dereito de manifestación, en referencia ao que aconteceu durante a terceira xornada de folga, cando os folguistas foron bloqueados e obrigados a se dispersar.

    Ademais, Juan Carlos López Corbacho aproveitou as súas primeiras declaracións como secretario xeral para transmitir a súa preocupación polo «cambio radical de formato» que se lle deu á Consellaría de Economía, Industria e Innovación logo da reorganización do Executivo autonómico. Lembrou que hai moitos proxectos industriais «que están inacabados» e confiou en que estes cambios non supoñan un atraso.

    Perfil

    O novo secretario xeral de CCOO-Industria era responsable de Política Industrial desde o ano 2021. Previamente, presidiu o comité de empresa de Alu Ibérica —a antiga Alcoa-A Coruña— durante uns tempos moi convulsos. Subsitúe no cargo a Víctor Ledo, quen continuará a formar parte da Comisión Executiva Nacional da federación.