Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Novembro 2024.

CCOO denuncia as cargas policiais na terceira xornada de folga do metal

    A Federación de Industria de CCOO de Galicia denuncia e condena publicamente a actitude «totalmente reprobable» dos antidisturbios da policía na xornada de folga do metal do xoves, 22 de xuño, nas inmediacións do recinto feiral de Vigo (IFEVI).

    23/06/2023.
    Manifestación durante a terceira xornada da folga do metal da provincia de Pontevedra (22/6/2023)

    Manifestación durante a terceira xornada da folga do metal da provincia de Pontevedra (22/6/2023)

    Segundo CCOO-Industria, púidose comprobar a «actitude desafiante e provocadora» dos efectivos policiais respecto dos traballadores e traballadoras, a quen bloquearon o paso da manifestación, malia que esta fora comunicada correctamente. «Deste xeito, e ata que o conseguiron, as forzas da orde forzaron e buscaron o conflito cos obreiros, que pacificamente tentaron visibilizar a súa loita», denuncia o sindicato.

    Para CCOO-Industria, «a responsabilidade de todo o acontecido é do delegado do Goberno en Galicia e do subdelegado do Goberno en Pontevedra», que son os que dan as ordes ás forzas e corpos de seguridade que, neste caso, impediron o dereito de manifestación.

    A Federación de Industria cualifica de «vergoñenta» esta actitude por parte de responsables dun Goberno «ao que se lle presume unha especial sensibilidade social e progresista» e amosa o seu estupor pola «incomprensible» pasividade da Xunta ante un conflito laboral desta magnitude.

    Por último, CCOO-Industria censura a actitude de Enrique Mallón, responsable da patronal ASIME, «que se dedica a provocar e molestar os traballadores coas súas declaracións». A súa «irresponsabilidade» alimenta a tensión deste conflito «no que nada ten en xogo, porque non ten empresa propia, e só se dedica a xogar co futuro da industria e cos dereitos dos traballadores», lamenta o sindicato.