CCOO edita unha folla informativa sobre o Bono Coidado vacacións
Para solicitar o Bono Concilia, cómpre acreditar a imposibilidade de facerse cargo da atención do neno ou nena por motivos laborais.
Que necesidades cobre?
— Enfermidade ou accidente do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual.
— Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación que impidan a atención do neno ou nena.
— Situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual que impidan a atención do neno ou nena.
— Situacións puntuais de coidado de familiares, do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual, ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade, sempre que impidan a atención do neno ou nena.
Requisitos
— Que o neno ou nena teña un máximo de 12 anos no momento en que se produce o suposto para solicitar a axuda.
— Que ambos proxenitores, titores/as, acolledores/as, gardadores/as con fins adoptivos, familias monoparentais ou proxenitores con custodia non compartida, estean efectivamente traballando no suposto de solicitudes por enfermidade ou accidente do neno ou nena e/ou por asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.
Contía
Ata o 100 % do custo das actuacións previstas, cunha contía máxima de:
— 500 € por unidade familiarPara a contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio.
— 200 € por cada neno ou nenaPara a asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social ou a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.
Prazo
O prazo de solicitude comeza o 9 de xullo, día seguinte da publicación da ORDE, e finaliza o 30 de setembro.
Máis información no documento anexo a esta nota informativa.