Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

CCOO destapa a fraude laboral no Club Fluvial de Lugo e logra a conversión en indefinidos de catro contratos

    Comisións Obreiras (CCOO) logra a conversión en indefinidos de catro postos de traballo no Club Fluvial de Lugo. Así llo acaba de comunicar a Inspección de Traballo e Seguridade Social ao sindicato. Precisamente, a conversión destes contratos prodúcese grazas á denuncia presentada por CCOO perante a autoridade laboral o pasado mes de febreiro.

    07/06/2022.
    A reforma laboral asinada por CCOO está servindo para limitar a temporalidade na contratación

    A reforma laboral asinada por CCOO está servindo para limitar a temporalidade na contratación

    «En relación coa súa denuncia contra o Club Fluvial de Lugo, e tras as comprobacións oportunas, a empresa procedeu a transformar en indefinidos os contratos de catro traballadores da empresa», reza a sintética comunicación remitida ao sindicato pola subinspectora laboral que tratou o caso.

    A denuncia presentada por CCOO hai xa case catro meses —o pasado 17 de febreiro—, sinalaba que a empresa organiza formación para a práctica de diferentes actividades deportivas e de ocio. Para impartir esta formación, a empresa formalizaba «con carácter sistemático —de forma fixa e descontinua— contratos de traballo de varias persoas traballadoras [...] baixo a modalidade de contrato de obra ou servizo determinado e eventuais por circunstancias da produción [...]».

    Ante isto, CCOO puxo de manifesto que estas modalidades contractuais incorren «en manifesta fraude de lei», polo que se instaba as actuacións inspectoras necesarias «para que se regularice a contratación laboral das persoas afectadas».

    Unha regularización ao abeiro da nova reforma laboral

    Canto a isto último, cómpre lembrar que, conforme a reforma laboral pactada por CCOO no ámbito do diálogo social estatal, desaparece o contrato de obra ou servizo determinado. Ademais, a actividade formativa realizada no Club Fluvial encádrase nun dos supostos para a realización dos novos contratos fixos-descontinuos, polo que o sindicato pediu que fose de aplicación esta fórmula contractual, como así sucedeu.