Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Novembro 2024.

ACTOS POLO 50 ANIVERSARIO DA FOLGA DE 1972 EN VIGO

    14/04/2022.

    URL | Código para insertar

    A folga xeral de setembro en Vigo e a mobilización do estudantado na Universidade de Santiago forman parte da nosa historia.

    O ano 1972 fai parte da memoria colectiva do pobo galego. Marcado polas grandes loitas e mobilizacións da clase traballadora na defensa dos seus dereitos, a conquista das liberdades e a loita contra a ditadura, supuxo o inicio da fin daquel réxime, o renacemento do sindicalismo democrático e o pulo no camiño para a conquista das liberdades democráticas en España.

    O 1972 de Ferrol

    Os feitos de Ferrol desatáronse na asemblea convocada polo Comité de Empresa o día 8 de marzo, cando os traballadores de Bazán rexeitaron o convenio interprovincial asinado no sindicato vertical, en Madrid, para as factorías de Bazán, San Fernando e Cartagena. O día 9 produciuse o despedimento dos seus representantes, todos eles sindicalistas da Comisión Obreira de Bazán. O día 10 de marzo realízase unha manifestación con terribles consecuencias, a morte dos traballadores Amador Rey e Daniel Niebla por disparos da policía.

    Tensión en Vigo

    Na cidade de Vigo e a súa bisbarra, a tensión laboral veu marcada, desde principios dese ano, pola negociación dos convenios colectivos de empresas como CEMSA, BARRERAS, VULCANO, etc.

    Os acontecementos de Ferrol tiveron unha contundente resposta en Vigo e na comarca, que culminou nunha concentración o día 15 de marzo na Porta do Sol e continuou con amplas mobilizacións na loita polos seus convenios, de forma significativa en Barreras, onde se asinou a altas horas da madrugada, baixo as presións do Goberno civil.

    A folga xeral de setembro

    A folga xeral de setembro en Vigo acadou unha dureza extrema, coa cidade tomada polas forzas especiais da policía instalada no cuartel de Barreiro.

    O 6 de setembro, os traballadores de Citroën deciden loitar pola xornada de 44 horas semanais e por non traballar os sábados pola tarde. O paro parcial levado a cabo a tarde do 9 de setembro tivo como resposta o despedimento de cinco traballadores e a apertura de expedientes a outros catro.

    O luns, 11 de setembro, os traballadores decidiron non reiniciar o traballo mentres non fosen readmitidos os despedidos e enviar piquetes informativos para obter o apoio do resto das factorías viguesas. O día 13 de setembro, diante do peche patronal de Citroën e a presenza de fortes continxentes e policía antidisturbios, os traballares inician unha marcha cara a Reyman, Santo Domingo e Barreras; ao encontro sáenlles os traballadores de Vulcano e forman unha manifestación que percorre toda a cidade.

     O xoves, 14 de setembro, Artiscar, Forjas del Miñor, Yarza, Censa, Álvarez, Freire, Refrey, a construción, o transporte público, etc., sumaban máis de 16 000 folguistas. O día 16, a folga era xeral en todo o sector industrial de Vigo e a súa comarca.

    O día 21, os folguistas ocuparon os locais do sindicato vertical e celebraron unha asemblea masiva, na que deciden continuar a folga e nomear unha Comisión para informar nas empresas e que as súas propias asembleas tomasen os seus acordos.

    A partir desa data, o sindicato vertical pechou os seus locais e a patronal enviou seis mil cartas de despedimento, moitas delas acompañadas de boletín de readmisión e cominando os receptores a se incorporaren de forma inmediata ao traballo.

    Detencións e despedimentos

    Moitos dos dirixentes sindicais, en situación de busca e captura pola Brigada Político Social, víronse obrigados a pasar á clandestinidade.

    As detencións, os despedimentos, a toma por parte da policía dos espazos públicos onde se celebraban as asembleas e o control das rúas polas forzas de seguridade da ditadura forzaron a decisión da volta gradual ao traballo a partir do día 25 de setembro de 1972.

    Arredor de cincocentas persoas foron despedidas sen readmisión, maioritariamente as que formaban o núcleo organizador da folga nas empresas; moitas delas foron encarceradas, torturadas e xulgadas polo tenebroso Tribunal de Orde Pública. Decenas e decenas de traballadores e traballadoras tiveron que pasar á clandestinidade e ao exilio.

    No ano 1997, por proposta do sindicato Comisións Obreiras, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha declaración institucional sobre o especial significado do 10 de marzo de 1972 como Día da Clase Obreira Galega; a efeméride acadou rango oficial no ano 2006.

    Neste ano do 50 aniversario da loita obreira de 1972 en Vigo, que foi exemplo para outras cidades do país, é necesario e de xustiza que aqueles acontecementos formen parte da identidade da nosa cidade; que as novas xeracións saiban que os dereitos se loitan e se defenden, e que as mulleres e homes de Vigo foron fundamentais na consecución da liberdade e a democracia.