Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

CCOO sinala que oito de cada dez persoas que exercen os dereitos de conciliación son mulleres

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia recalca que a loita pola conciliación e a corresponsabilidade debe darse todos os días, pois son numerosos os atrancos que atopan os traballadores e, en especial, as traballadoras para veren recoñecido este dereito. Actualmente, as mulleres representan o 80 % das persoas que exercen os dereitos de conciliación, sinala CCOO con motivo do Día da Conciliación e da Corresponsabilidade, que se conmemora este mércores.

    23/03/2022.

    URL | Código para insertar

    A secretaria de Muller e Igualdade de CCOO, Mamen Sabio, lamenta que os dereitos de conciliación, malia estaren regulados legalmente, sexan «sistematicamente vulnerados» en moitas empresas, situación que cobra «un cariz especialmente grave» se son as Administracións públicas as que incumpren.

    Segundo Sabio, os servizos xurídicos do sindicato gañan cada ano numerosas sentenzas que recoñecen os dereitos de conciliación fronte ás negativas das empresas ou das Administracións. A máis recente, hai menos dunha semana, condena o organismo público Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar por lle negar a unha traballadora o seu dereito a gozar dun horario compatible coa atención e coidado dos seus proxenitores.

    Para a sindicalista, «é gravísimo» que unha entidade pública como o Consorcio, cuxa misión é prestarlle á cidadanía servizos de conciliación, vulnere deste xeito os dereitos dunha traballadora. «Que clase de mensaxe lanzan as Administracións públicas con este tipo de actuacións?», pregúntase Sabio.

    Estas situacións «dannos a razón cando reiteramos que os dereitos temos que pelexalo todos os días», apunta a secretaria de Muller e Igualdade de CCOO. Por último, lembra que calquera traballador ou traballadora que vexa conculcados os seus dereitos pode acudir a Comisións Obreiras para obter o asesoramento preciso e facelos valer nas instancias en que corresponda.

    A fenda dos coidados

    Canto á corresponsabilidade, un informe presentado por CCOO o pasado mes de febreiro sinala que as mulleres asumen case en exclusiva as obrigas relacionadas cos coidados. Isto tradúcese, por exemplo, en que sexan maioría na contratación a tempo parcial (un 15,6 % máis de mulleres ca homes) ou nas reducións de xornada ou no uso de figuras como as excedencias ou as reducións de xornada para o coidado de familiares.

    As mulleres representan oito de cada dez persoas que se acollen ao exercicio dos dereitos de conciliación, sobre todo en solicitudes de ausencia do posto de traballo por causas familiares. «Isto significa que os coidados, na nosa sociedade, están extremadamente feminizados e estamos aínda moi lonxe dunha corresponsabilidade real e efectiva», conclúe Sabio.