Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

CCOO advirte de que a EPA pon de manifesto a «desfeita» do mercado laboral galego, lastrado por problemas estruturais

    Comisións Obreiras (CCOO) advirte de que a enquisa de poboación activa (EPA) do cuarto trimestre do 2021 pon de manifesto a «desfeita» do mercado laboral galego. A comunidade pecha o ano creando unicamente 10 400 empregos máis ca no 2020, unha porcentaxe do 0,96 %, catro veces e media inferior ao dato estatal (+4,35 %). Con estas cifras, Galicia sitúase no «furgón de cola» en porcentaxe de creación de emprego, concretamente no lugar 17 do total de 19 comunidades e cidades autónomas.

    27/01/2022.
    Galicia perdeu 4700 empregos, segundo a EPA

    Galicia perdeu 4700 empregos, segundo a EPA

    A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, salienta que a EPA pon en evidencia «problemas estruturais» no mercado de traballo e a dificultade de Galicia para crear emprego, «algo sobre o que a Xunta deberá reflexionar». Segundo a EPA, Galicia pecha 2021 con 135 100 persoas en desemprego; son 7600 menos que un ano antes, pero a cifra é tres veces inferior á do Estado: un -5,3 % na comunidade autónoma fronte ao -16,56 % estatal.

    Por outra banda, Galicia ten hoxe 4700 empregos menos ca antes da pandemia, como indica a comparativa coa mesma enquisa do cuarto trimestre do 2019. Durante o mesmo período, no Estado recuperouse este volume xa no pasado trimestre. Se a comparación se fai coa crise económica anterior, «o panorama aínda é máis desolador», apunta Bouza: 105 000 empregos menos ca no 2008.

    Atendendo só ao último trimestre e non ao ano completo, os datos son «catastróficos», pois Galicia perde 21 000 empregos (-2 %), cando o conxunto do Estado rexistra un aumento (+1 %). Ao tempo, o desemprego sobe en 8300 persoas (+6,59 %), mentres que no Estado diminúe (-9,2 %), o que se traduce na perda de 12 800 persoas activas. Esta perda de emprego concéntrase no sector dos servizos (maiormente no comercio, na hostalería e na Administración pública) e de xeito singular no emprego temporal (-19 700, mentres que o indefinido sobe en +1700).

    Análise por sexos e sectores

    Dos 10 400 empregos creados no pasado trimestre, a maioría foron ocupados por mulleres (6900), mentres que os homes representaron 3500. Tamén son as mulleres as que máis viron reducir o paro, con 5300 desempregadas menos fronte a 2300 desempregados menos.

    Por sectores de actividade, e en comparación co ano anterior, destrúese emprego en todos os sectores menos nos servizos, onde hai 20 100 persoas empregadas máis. Nos restantes sectores, perdéronse 4900 empregos no primario, 4000 na construción e 800 na industria.

    Análise da contratación

    Os datos da contratación recollidos na EPA reflicten un incremento de 12 600 asalariados e asalariadas. Atendendo á súa duración, o emprego indefinido medra en 9000 persoas, mentres que o temporal o fai en 3800. A enquisa tamén sinala que o emprego público perde pulo como elemento de creación de emprego: o emprego asalariado no sector público diminúe en 6600 persoas (6000 indefinidas e 600 temporais), mentres que no sector privado medra en 19 100 persoas (14 800 indefinidas e 4300 temporais).

    Outro dato destacable é o «desmedido incremento» do emprego a tempo parcial, sinala Bouza. Dos 10 400 empregos creados no último ano, 7500 son a tempo parcial e só 2900 a tempo completo. Ademais, unha quinta parte deses empregos parciais responden a atención de menores e persoas dependentes.