Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Abril 2024.

CCOO aplaude o éxito da folga no sector das conservas de peixe

    A Federación de Industria de CCOO aplaude o éxito da primeira xornada de folga no sector das conservas de peixe. «As traballadoras plántanse ante o convenio da precariedade», abunda o sindicato.

    21/01/2022.

    URL | Código para insertar

    O paro masivo impediu a actividade nas principais empresas do sector en Galicia e no resto do Estado (Jealsa, Escurís, Lago Paganini, etc.). A folga repetirase os días 3 e 4 de febreiro se a patronal non recapacita e negocia cos sindicatos un convenio colectivo que dea cabo da precariedade.

    Segundo CCOO-Industria, o persoal deste sector son maioritariamente mulleres que cobran un 28% menos ca na industria cárnica, onde a maioría son homes. De conformidade co lema da campaña de reivindicación estatal, CCOO considera que é o momento de «pescar dereitos» neste importante sector industrial, especialmente para as mulleres, porque «non se entende que cobre máis un ordenanza ca unha mestra de produción».

    CCOO leva meses traballando por un convenio que equipare os grupos profesionais 5 e 6, que recolla un forte incremento salarial —con cláusula de revisión— que simultaneamente remate coa discriminación e ofreza máis estabilidade no emprego.

    A proposta sindical tamén pretende crear novos permisos para mellorar a conciliación, a negativa a suspender os contratos fixos-descontinuos (que ademais deberán ter garantidos seis meses de actividade), crear unha bolsa de emprego sectorial ou esixir que a temporalidade non supere o 15%, entre outras medidas.