Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Agosto 2024.

CCOO esíxelle á Universidade de Vigo unha solución para o persoal dos ximnasios dos tres campus

  • As empresas concesionarias deixarán de prestar servizo este venres nos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense

Comisións Obreiras (CCOO) esíxelle á Universidade de Vigo unha solución para o persoal encargado dos ximnasios dos campus de Pontevedra, Ourense e da propia cidade olívica. En virtude da resolución reitoral do pasado 29 de xullo, este venres deixarán de prestar servizo as dúas empresas concesionarias e extinguiranse os contratos do persoal.

25/08/2021.
Instalacións dun ximnasio | Foto: Pixabay

Instalacións dun ximnasio | Foto: Pixabay

Ademais da forma en que se produce esta fin do contrato, CCOO critica que, no caso dunha das empresas, o persoal nin sequera foi avisado cos 15 días de antecedencia a que obriga a lei.

Ante esta situación, e debido ao prexuízo que se lles ocasiona tanto aos traballadores e traballadoras como ás persoas usuarias das instalacións —que deberán pechar temporalmente—, CCOO insta a Universidade a intervir para procurar unha solución transitoria.

Por último, Comisións solicita a prórroga dos contratos ás empresas ata que se produza unha nova licitación ou, se non, que asuma durante ese tempo o persoal adscrito aos ximnasios. En calquera dos supostos, CCOO pide a subrogación de todas as traballadoras e traballadores.