Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 8 Maio 2024.

CCOO explica en Pontevedra as principais claves do acordo de pensións

    Esta mañá desenvolveuse en Pontevedra a primeira das asembleas previstas por CCOO en Galicia para explicar o acordo de pensións asinado o pasado 1 de xullo. No auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra, numerosas delegadas e delegados sindicais aclararon dúbidas da man da secretaria de Emprego, Política Social e Políticas Públicas de Protección, Maica Bouza.

    09/07/2021.
    Asemblea en Pontevedra para explicar as claves do acordo das pensións

    Asemblea en Pontevedra para explicar as claves do acordo das pensións

    En representación da Comisión Executiva Nacional acudiron tamén a esta asemblea Leila Piñeiro, secretaria de Organización, e Antonio Millares, secretario de Comunicación. Na mesa, canda Maica Bouza, o secretario xeral comarcal, José Ramón Piñeiro, o secretario de Organización, Xosé Luís García Pedrosa, e a presidenta do comité de Ence, Ana Cedeira.

    Na súa intervención, Maica Bouza sinalou que o acordo de pensións está baseado en catro eixes fundamentais. O primeiro, a derrogación da reforma aprobada unilateralmente polo PP no ano 2013. O segundo, a garantía de recuros adicionais para o sistema, tanto pola vía das transferencias do Estado como pola cotización dos autónomos en función dos ingresos reais. O terceiro, máis dereitos para a xubilación anticipada, mellorando as condicións das pensións. O cuarto, novos dereitos para sectores e colectivos que estaban discriminados, como parellas de feito, fixos-descontinuos e bolseiros.

    O secretario comarcal de Organización salientou as bondades do acordo, capaz de reverter a reforma do PP e «ao que só se opoñen compañeiros de viaxe tan dispares como a banca ou a CIG», reprochou.