Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

Concentración diante do Parlamento de Galicia contra a creación da universidade privada

  • O mércores, protestas en todos os campus universitarios galegos

A Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública, da que forma parte CCOO, convoca para o martes, 25 de maio, unha concentración contra a privatización da universidade. A protesta terá lugar ás 11 horas diante do Parlamento de Galicia.

24/05/2021.
Cartel anunciador das mobilizacións convocadas pola plataforma

Cartel anunciador das mobilizacións convocadas pola plataforma

A plataforma chama participar na concentración convocada para o mesmo día en que a Cámara galega toma en consideración o proxecto de lei para a creación da universidade privada vinculada a Abanca.

Con esta medida abriríase a tramitación da lei no Parlamento que, tras os debates das emendas en comisión, podería aprobarse finalmente en pleno antes do verán —en caso de que o PP acelere os prazos para evitar a resposta social.

As organizacións sindicais, profesionais e estudantís que conforman a Plataforma reafirman a súa crítica ao proceso iniciado polo goberno de Feijóo en contra das tres universidade públicas, as cales xa se pronunciaron conxuntamente en defensa do carácter público dos estudos superiores.

Comisións Obreiras xa votou contra deste proxecto o pasado mes de febreiro, cando foi sometido á consideración do Consello Económico e Social (CES).

Entre outras eivas, o anteproxecto de lei non especificaba as titulacións oficiais ofertadas pola universidade privada, que en caso ningún poden competir coas que ofrecen as públicas. Ademais, prevía a impartición dun grao a cargo dun instituto universitario, cando este debe estar destinado a I+D+i, conforme a regulamentación estatal e galega sobre os institutos universitarios.

Segundo CCOO, a sociedade galega precisa dunha universidade pública de calidade «como garantía e alicerce do seu progreso e avance», que ha estar, ademais, «suficientemente apoiada pola Administración da que depende e, por extensión, da propia sociedade á que se debe e presta servizo».

A xestión do conxunto do sistema educativo require un tratamento «eficiente e racional» dos recursos. Para iso, debería ter asegurado un plan de financiamento «digno e razoable», aspirando a taxas de investimento «acordes coas dos países desenvolvidos, que lle permitise levar adiante a súa fundamental misión sen precariedade e con mínimas garantías».

«Como dereito fundamental, como ben público, a educación non pode ser unha mercadoría», xa que isto «atenta contra a igualdade de oportunidades», conclúe o sindicato.

Concentracións nos campus

A vindeira semana, o mércores 2 de xuño, haberá concentracións nos campus universitarios ás 11 horas.

Universidade da Coruña

— A Coruña: Facultade de Informática (Elviña)

— Ferrol: vicerreitoría da UDC (r/ Doutor Vázquez Cabrera)

Universidade de Santiago de Compostela

— Santiago de Compostela: na reitoría da USC (praza do Obradoiro)

— Lugo: biblioteca intercentros (r/ Bernardino Pardo)

Universidade de Vigo

— Vigo: reitoría da UVigo (As Lagoas, Marcosende)

— Pontevedra: Facultade de Ciencias Sociais (A Xunqueira)

— Ourense: Facultade de Ciencias de Educación e Facultade de Historia (edificio de ferro)