Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Novembro 2024.

10 de Marzo: Para que Galicia avance

    O Día da Clase Obreira Galega de 2021 conmemórase nun escenario inédito, marcado por unha dobre crise sen precedentes, sanitaria e económica, cuxos efectos aínda non somos capaces de calcular, pero que xa se están a traducir en clausura de negocios, aumento do desemprego e peches ou deslocalizacións de empresas. E isto pode ser só o comezo se non damos posto alternativas riba da mesa.

    08/03/2021.

    URL | Código para insertar

    Cartel do Día da Clase Obreira Galega de 2021

    Cartel do Día da Clase Obreira Galega de 2021

    A dramática situación que hoxe en día padece a comarca de Ferrol, que corre o risco de se converter nun ermo industrial, debe servir de alerta a toda Galicia. Máis aínda agora que, como consecuencia da pandemia, vimos en primeira man a necesidade de contar cun sector industrial forte que, ademais de xerar emprego cualificado e de calidade, impida que sectores esenciais para a nosa economía dependan dos vaivéns das cadeas de subministración internacional.

    Por vez primeira, Europa decide afrontar unha crise económica con políticas expansivas, non de recortes. Este cambio de paradigma é unha ventá de oportunidade que se abre para Galicia, que deberá, asemade, dar resposta aos retos que xa arrastraba antes da aparición da covid-19 nas nosas vidas, e acometer o proceso de reconstrución do seu tecido produtivo.

    O Goberno galego ten na súa man a oportunidade histórica de que o destino dos fondos europeos sexa determinado cunha estratexia de país e coa implicación corresponsable de sindicatos, patronal, grupos parlamentarios e as tres universidades públicas. Todo o que non sexa unha acción de país estará condenado ao fracaso.

    Un dos vectores da reconstrución, financiada con estes fondos, ha ser a transición ecolóxica. Porén, non debemos transmitirlle á sociedade unha idea errónea de transición e facer que os fantasmas da reconversión volvan ás mentes dos galegos e das galegas: é importante xerar empregos, pero igual de importante é que estean vinculados a actividades perdurables.

    Canto aos retos que xa premían a nosa economía, a negociación colectiva é un dos prioritarios: o mercado de traballo en Galicia debe mellorar a través da propia mellora dos convenios colectivos, porque a boa calidade do emprego é a resposta máis axeitada ao declive demográfico do noso país.

    A loita por convenios dignos está a vehicular a maior parte das mobilizacións que protagonizamos nos últimos meses. Tamén por un convenio saímos ás rúas de Ferrol hai 49 anos, xustas reivindicacións que foron disoltas a tiros pola policía franquista, pero que nin dobregaron nin domesticaron o sindicalismo de clase que representan as Comisións Obreiras.

    Continuaremos dando a batalla, sector a sector, empresa a empresa e convenio a convenio, para que todo o esforzo que fixo a clase traballadora durante esta crise sexa compensado e que a saída se asente no principio da xustiza social. Seguiremos loitando para que Galicia avance.

     

    VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA!!
    VIVA O DEZ DE MARZO!!
    VIVAN AS COMISIÓNS OBREIRAS!!
    DANIEL E AMADOR, NA MEMORIA!!

    Ligazóns relacionadas