Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

12 de agosto, Día Internacional da Xuventude

    ​Hoxe, no día internacional da xuventude, as CCOO de Galicia queremos reivindicar un FUTURO con maiúsculas para a mocidade do noso país.

    12/08/2020.
    12 de agosto, Día Internacional da Xuventude

    12 de agosto, Día Internacional da Xuventude

    Vivimos momentos de incertezas, tanto sanitarias como económicas, onde a mocidade e as mulleres son os colectivos que máis están a sufrir as consecuencias da pandemia, debido as condición de traballo moi precarizadas que tiñan xa de antes e que se agravaron. Isto fai que un traballador ou traballadora, en momentos de crise, sexa quen primeiro vaia á rúa e fique sen protección.
     
    É o momento de incorporar a mocidade como suxeito propio nos debates de Estado, nos pactos de reconstrución e en todos os espazos. Cómpre a implicación das administracións e dos axentes económicos e sociais para xerar as oportunidades para que a mocidade poida ter unha vida digna e emprego de calidade.
     
    De maneira urxente, e para paliar esta crise, hai que implementar medidas de protección social para a mocidade que quedou sen traballo e non ten apoio económico ningún.
     
    É imprescindible asentar industria no país, que xere oportunidades de emprego de calidade. Cómpre fortalecer a que xa temos, pero tamén apostar firmemente pola transición ecolóxica e polos empregos verdes. Para isto necesitamos unha estratexia de país e investimentos públicos.
     
    É necesario investimento nas nosas universidades e nos espazos onde se investiga se queremos que a mocidade teña futuro.
     
    Hai que reformular a FP dual e ir no camiño de que a formación sexa tamén garante de emprego de calidade, porque son recursos que se están poñendo a disposición das empresas e teñen pouco retorno en termos de emprego.
     
    Tamén, hai que acabar coas prácticas non laborais, xa que son unha forma de ter traballadoras e traballadores a custo cero: todas as prácticas teñen que ser remuneradas e con opcións de emprego.
     
    En definitiva, neste 12 de agosto reivindicamos un futuro para a mocidade galega!