Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Novembro 2024.

Debate de política xeral: CCOO pide aproveitar os orzamentos do 2020 para posicionar a Galicia ante os cambios que se aveciñan

  • A Xunta ten mecanismos de intervención nas crises sectoriais e empresariais da nosa comunidade e non podemos renunciar a usalos para salvagardar a actividade industrial e o emprego vinculado a ela

A Comisión Executiva Nacional de Comisións Obreiras de Galicia emitiu hoxe unha resolución sobre o debate de política xeral que tivo lugar o mércores no Parlamento galego. Para CCOO, sería «imperdoable» que este debate fose o anticipo dun «longo período de campaña electoral» ata as eleccións autonómicas do 2020. Ante os numerosos retos que ten por diante o país, o sindicato insta a aproveitar a elaboración dos orzamentos do ano 2020 e do Plan Estratéxico de Galicia 2020-2030 para posicionar a Galicia ante os cambios que se aveciñan.

26/09/2019.
A Comisión Executiva Nacional emitiu unha resolución sobre o debate

A Comisión Executiva Nacional emitiu unha resolución sobre o debate

En concreto, CCOO defende a aposta por un modelo de transición enerxética xusta que teña en conta os traballadores e traballadoras, as comarcas afectadas e os sectores produtivos implicados;  e defende o desenvolvemento dunha política industrial de país, capaz de dar resposta a empresas como Isowat, Vulcano, Alcoa, R Cable ou Navantia. O sindicato salienta que a Administración autonómica ten mecanismos de intervención nas crises sectoriais e empresariais da nosa comunidade e non pode renunciar a usalos para salvagardar a actividade industrial e o emprego que xera.

Por outra parte, CCOO coida que cómpre actuar xa sobre o sistema produtivo galego, que mirra e escora cara a sectores vinculados á precariedade; perde peso o sector industrial, máis ligado ao emprego de calidade e con maior efecto arrastre sobre o resto de sectores. Estes cambios prexudican sobre todo a dous colectivos, as mulleres e a mocidade, os máis afectados pola precariedade. No caso da xente nova, aínda máis, porque non atopan oportunidades de desenvolver un proxecto de vida e abandonan o mercado de traballo e mesmo Galicia.

Detrás desta radiografía e da evolución do mercado laboral «agóchanse boa parte dos motivos do grave problema demográfico»: Galicia precisa máis e mellor emprego e fixar a igualdade real entre homes e mulleres como un obxectivo firme con medidas dotadas orzamentariamente. Asemade, cómpre facilitar a remuda xeracional, incorporando xente moza ao mercado de traballo e apostando pola xubilación parcial con contrato de remuda.

Tamén hai que axudar as empresas e persoas traballadoras afectadas polas flutuacións no nivel de actividade ou polas incertezas da nosa contorna (Brexit, guerra comercial global, desaceleración económica nos países de referencia para as nosas exportacións?). Isto require unha actitude propositiva dos axentes sociais e económicos, pero tamén de todas as forzas políticas que onte participaban no debate do estado da autonomía.

Comprometerse cos graves problemas e consecuencias derivadas co cambio climático é imprescindible. Pero facelo desde a actitude contemplativa á que nos ten afeitos o Goberno da Xunta tradúcese en que no noso país só se está poñendo o foco detrás dos riscos inherentes ao proceso de transición ecolóxica, renunciando a identificar as oportunidades que ten o noso país. Segundo CCOO, Galicia ten posibilidades reais de posicionarse como un exportador de referencia dos bens de equipamento e servizos especializados que requirirá esa transición. Por esta razón, xa lle transmitiu ao Executivo galego unha proposta para desenvolver un proxecto piloto nas dúas comarcas máis afectadas pola descarbonización (As Pontes e Cerceda).