Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Novembro 2024.

As CCOO de Galicia e Asturias organizan unha xornada sobre riscos psicosociais

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e CCOO de Asturias organizan hoxe en Oviedo unha xornada conxunta sobre a prevención de riscos psicosociais. O obxectivo é axudar a visualizar como afrontar e solucionar esta problemática nas empresas e avanzar na mellora da calidade do emprego. A xornada encádrase na acción AT2018/0039 que se está a realizar coa Fundación Estatal para a Prevención de Riscos Laborais.

    18/06/2019.
    A xornada organízana conxuntamente as CCOO de Galicia e Asturias

    A xornada organízana conxuntamente as CCOO de Galicia e Asturias

    Segundo as CCOO de Galicia e Asturias, a acción preventiva ante os riscos psicosociais é pouco frecuente nas empresas, a pesar de ser unha obriga legal e de demostrarse que a exposición nociva a estes riscos é unha das causas de problemas de saúde tan comúns como os infartos, a ansiedade ou a depresión, que poden previrse cambiando as condicións de traballo.

    Os retos sindicais neste campo son conseguir: 1) que en todas as empresas se traten os riscos psicosociais; 2) que se afronten desde a exposición (e non a partir do dano), visualizando as desigualdades; 3) que a prevención destes riscos sexa na orixe, é dicir, cambiando a organización do traballo; e 4) que o proceso de intervención ante estes riscos sexa participativo en todas as fases, negociando co empresario as nosas propostas.

    Desde hai máis dunha década, CCOO e o Instituto Sindical de Traballo, Ambiente e Saúde (ISTAS) traballan na elaboración de ferramentas de sensibilización, información e soporte á intervención preventiva fronte aos riscos psicosociais e dándolle apoio a través da rede de asesoras e responsables de saúde laboral.