Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Novembro 2024.

LOGO Fundación 10 de Marzo

Fundación 10 de Marzo (F10M)

O 10 de Marzo de 1972, dous traballadores da Empresa Nacional Bazán, Amador Rey e Daniel Niebla, que se manifestaban polos seus dereitos, foron asasinados pola policía da ditadura franquista. Esa data, marcada como o Día da Clase Obreira Galega, é conmemorada anualmente polo Sindicato Nacional de CCOO de Galicia cun acto de homenaxe a todas as persoas destacadas pola súa loita na defensa dos traballadores.

A importancia desta conmemoración fixo que o Parlamento galego, a instancias do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, aprobara por unanimidade o 5 de marzo de 1997 unha declaración institucional sobre o 10 de Marzo na que se recoñecía o significado histórico desta data.

Consciente dese significado, o 25 de xuño de 1991, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia promoveu en Santiago de Compostela, ao abeiro da Lei de fundacións de interese galego, a creación da FUNDACIÓN 10 DE MARZO. Segundo os seus estatutos, é unha institución de carácter cultural que ten os seguintes obxectivos:

— Organizar o Arquivo de Historia Sindical de Galicia.

— Constituír un fondo bibliográfico e hemerográfico centrado nos diversos aspectos do mundo do traballo.

— Promover o estudo e a investigación da historia do sindicalismo.

— Contribuír á recuperación da memoria histórica contemporánea de Galicia.

— Crear un centro de documentación e estudo sobre estes temas para facilitar o traballo dos especialistas.

— Elaborar e subministrar información sobre calquera tema de interese para a clase traballadora.

— Fomentar o coñecemento e a difusión da cultura sindical.

— Fomentar o estudo e investigación no ámbito das ciencias sociais.

— Participar, en colaboración con outras institucións científicas, académicas ou administrativas, na organización de actividades encamiñadas aos fins anteriores.

 

Datos de contacto

— Web: www.f10m.org

— Correo electrónico: f10m.sn@galicia.ccoo.es

— Teléfono: 981 574 082

— Enderezo: Vía Edison, 1 C, Polígono do Tambre - 15890 (Santiago de Compostela, A Coruña)