Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Novembro 2024.

Mesas do diálogo social

Cara a este proceso de diálogo social, o Sindicato Nacional de CCOO valorou como elemento imprescindible que a apertura estivese precedida de acordos nos ámbitos da área pública. Unha vez pechado este proceso, no 1.º trimestre de 2019, no Consello Nacional de CCOO do 3 de abril dese ano déuselle traslado ao conxunto da organización do primeiro principio de acordo, apertura de negociación en torno a cinco mesas.

Mesa 1. Igualdade de oportunidades no ámbito laboral

Para impulsar e mellorar a participación sindical nos ámbitos da negociación de plans de igualdade é preciso contar con asesoramento técnico e formación específica. Para lograr este obxectivo, considérase que a consolidación de gabinetes técnicos de igualdade sería unha mellora cualitativa para a implantación de políticas de igualdade no ámbito laboral.

Acordos

— Acordo relativo á creación de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial.

— Acordo relativo á programación e contidos mínimos da formación en igualdade laboral en Galicia.

— Acordo relativo á revisión dos procedementos de recoñecemento da igualdade na empresa.

— Acordo sobre ferramentas para a promoción, medición e mellora da igualdade laboral e de oportunidades.

Mesa 2. Cláusulas sociais na contratación pública

Esta mesa estableceuse pola necesidade de mellorar e intervir sindicalmente no ámbito do emprego xerado directa ou indirectamente polo conxunto de Administracións públicas a través dos seus procesos de licitación.

Asemade, para a efectiva aplicación da Lei de contratación do sector público, os propios pregos de condicións han incluír orzamento abondo para garantir a aplicación dos convenios sectoriais e as súas actualizacións, amais de cumprir coa normativa de seguridade e saúde laboral, incluír un plan de igualdade e incorporar como mínimo dúas cláusulas sociais.

Acordos

— Acordo relativo á contratación pública socialmente responsable no sector público galego.

Mesa 3. Impulso para a transformación tecnolóxica da industria

A economía galega debe ser capaz de crear un novo marco de oportunidades a partir do desafío representado polos procesos de transición no ámbito tecnolóxico e enerxético. Neste sentido, desenvolveranse distintas iniciativas para o impulso do investimento, a atracción e a retención de investimentos que coloquen as nosas empresas nunha contorna globalizada con suficiencia de recursos nos ámbitos de innovación e investigación.

Fomentarase a capacidade de interlocución dos axentes sociais galegos cara unha cultura de cooperación, co desenvolvemento dunha política industrial de longo prazo, que asegure un crecemento económico inclusivo.

Acordos:

— Acordo sobre Axenda Industria 4.0 de Galicia.

— Acordo sobre transición enerxética xusta.

Mesa 4. Políticas activas de emprego

Diante do escenario de diminución do crecemento económico e do impacto no emprego de procesos como o Brexit ou a guerra comercial e arancelaria, cómpre establecer mecanismos para compensar os traballadores e traballadoras que se vexan afectadas por expedientes de regulación temporais, compensar a posible redución salarial durante o desemprego e converter en períodos de formación e recualificación os episodios de menor actividade.

Tamén, impulsar a incorporación dos mozos e mozas ao mercado de traballo a través de incentivos para a figura da xubilación parcial con contrato de remuda, así como financiar o custo da Seguridade Social ou a posible afectación que sofren as indemnizacións pola aplicación dos topes do FOGASA daquelas persoas traballadoras que con máis de 55 anos se poidan ver afectadas por crises empresariais.

Acordos:

— Acordo para a posta en funcionamento dun plan de re-cualificación profesional de persoas paradas de longa duración maiores de 45 anos.

— Acordo sobre o programa de axudas ás empresas para a contratación de remudistas.

— Acordo sobre axudas para favorecer o mantemento de emprego ante flutuacións económicas.

Mesa 5. Modernización das relacións laborais: acordo de solución extraxudicial de conflitos (AGA)

Un dos principais obxectivos desta mesa era chegar a un acordo para reformar o AGA, de xeito que a súa eficacia se estendese tamén aos conflitos individuais.

Acordos:

— Acordo relativo á posta en funcionamento dos procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo individuais (AGA)

Despois de diversas reunións, propostas e achegas dos participantes nas distintas mesas, preséntanse os seguintes acordos para a súa aprobación polos participantes no diálogo social así como a correspondente dotación orzamentaria por parte da Xunta de Galicia.

Os acordos acreditan a necesidade de traducir en normas legais e capítulos orzamentarios aquelas materias pactadas nos cinco ámbitos de negociación (mesas) xa descritos. O asinamento produciuse o 10 de decembro do 2019 co compromiso de entrada en vigor entre abril e marzo do ano seguinte. O importe orzamentario total dos acordos ascendeu aos 60 millóns de euros.

A pandemia chegou cando empezaban a desenvolverse os traballos de modificación normativa dos acordos de 2019, polo que se interrompeu o desenvolvemento normal do proceso de concertación social, retomándose os contactos xa a mediados do 2020.
CCOO estableceu dúas premisas. Por un lado, blindar a aplicación efectiva dos acordos retributivos e de carreira profesional no ámbito do emprego público. Polo outro, esixir o reforzamento diálogo social, nun contexto marcado pola necesidade de reactivar a economía e establecer as bases da recuperación

Asumidas pola Xunta de Galicia estas premisas, o 23 de setembro de 2020 asínase a declaración institucional que dá inicio á fase actual do proceso.