Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

As fregonas amarelas desafían a chuvia e esixen en Santiago un convenio digno

    Malia a desfavorable predición meteorolóxica, unha multitudinaria manifestación percorreu este mércores as rúas de Santiago de Compostela para esixir un convenio xusto no sector de limpeza de edificios da provincia da Coruña. Foi o acto central no terceiro día de folga convocada en menos de tres semanas.

    12/05/2021.
    Manifestación en Santiago de Compostela por un convenio xusto no sector de limpeza de edificios da provincia da Coruña (12/5/2021)

    Manifestación en Santiago de Compostela por un convenio xusto no sector de limpeza de edificios da provincia da Coruña (12/5/2021)

    Na manifestación compostelá participaron traballadoras e traballadores procedentes de toda a provincia, que o día anterior protagonizaran diferentes actos de protesta diante das patronais e dos principais centros comerciais. Hoxe mesmo continuarán cunha concentración diante do Centro Comercial As Cancelas, na capital galega.

    A marcha das fregonas amarelas comezou na avenida de Romero Donallo e, após percorrer varias rúas do centro santiagués, rematou diante da sede da Xunta de Galicia, no complexo administrativo de San Caetano. Isto debeuse a que o Goberno galego «ten moito que dicir» para atopar unha solución a este longo conflito.