Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Abril 2024.

Santiago de Compostela homenaxea a Benedicto e a José Afonso

    O domingo, 9 de maio, Santiago de Compostela acolleu un acto de homenaxe a Benedicto e a José Afonso, con motivo do concerto que o cantautor portugués deu, hai hoxe 49 anos, na residencia universitaria do Burgo das Nacións. Aquel 10 de maio de 1972 cantouse por vez primeira en público a emblemática canción Grândola, vila morena, que menos de dous anos despois poría a letra á Revolución dos Caraveis que remataría coa ditadura en Portugal.

    10/05/2021.
    Mural que homenaxea a Benedicto e a José Afonso

    Mural que homenaxea a Benedicto e a José Afonso

    Como parte da homenaxe, elaborouse un mural que cualifica a Benedicto (falecido no 2018) e José Afonso (finado en 1987) de «voces da liberdade» e descubriuse unha placa que rememora o histórico concerto compostelán.

    Con este acto, a delegación en Galicia da Associação José Afonso pretendeu recoñecer a importancia de Benedicto na coñecida vinculación do Zeca Afonso co noso país, xa que foi o compostelán quen viaxou a Setúbal (Portugal) para coñecer o cantautor portugués, con quen axiña traba amizade.

    En Setúbal, Benedicto convidaba o Zeca Afonso a unha xira galega, da que xurdirían tres concertos consecutivos en Ourense, Lugo e Santiago de Compostela entre os días 8 e 10 de maio de 1972.

    Benedicto: sindicalista, mestre e cantautor

    Benedicto García Villar (Santiago de Compostela, 1947-2018) foi unha figura fundamental na historia das Comisións Obreiras. Axudou a crear o Sindicato Galego da Música (SGM) e impulsou a integración desta organización en CCOO.

    A partir da súa incorporación ao traballo como mestre, compaxinou a actividade musical coa docente, cun intenso activismo sindical na Federación do Ensino de CCOO a partir de 1985. Son varios anos en que a Federación experimenta un forte pulo de implantación e representación, reflectido nos primeiros comicios sindicais do persoal funcionario.

    En 1988 incorpórase á dirección do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, na que ocupa diversas responsabilidades, como secretario de Política Institucional, de Información e Publicacións, así como a Coordinación da Área Pública do Sindicato.

    Foi tamén unha «persoa clave» na normalización do uso da lingua galega no sindicato, como lembra o presidente da Fundación 10 de Marzo de CCOO, Xan María Castro.