Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

CCOO denuncia a «saturación» das médicas e médicos de familia de Santiago-Barbanza pola «mala xestión» das ausencias

    A Federación de Sanidade de CCOO denuncia a «saturación» das médicas e médicos de familia da Área Sanitaria de Santiago-Barbanza pola «mala xestión» das ausencias. Segundo o sindicato, a xerencia «queima» os profesionais de atención primaria coa saturación das súas axendas, «que xa estaban cheas de seu», con máis de medio cento de persoas para atender cada día. Isto acontece porque as substitucións se «improvisan día a día», sen organización nin previsión.

    15/03/2021.
    Ambulatorio Concepción Arenal, en Santiago de Compostela

    Ambulatorio Concepción Arenal, en Santiago de Compostela

    CCOO lembra que a atención primaria é a «porta de entrada» dos doentes á sanidade pública. Porén, a xerencia sanitaria de Santiago-Barbanza «esquece» o labor dos seus propios profesionais na mellora da saúde da poboación, facéndoos traballar «sen organización nin tempo para atender a poboación como merece».

    A Federación de Sanidade de CCOO salienta o papel «fundamental» realizado durante a pandemia e lamenta que a Consellaría «perda o tempo» en xuntanzas do Comité Galego de Mellora da Atención primaria «cando as conclusións dos grupos de traballo xa están rematadas».

    Para CCOO, este «deficiente» sistema de xestión aumenta a «penosidade laboral» das médicas e dos médicos de familia, que desde o comezo da pandemia viron sobrecargadas as axendas pola maior presión asistencial e coa burocracia asociada. Entre outras, o sindicato cita a petición de probas diagnósticas, PCR, test de antíxenos, seguimento de pacientes covid non hospitalizados, informes e xustificantes de saúde ou a atención presencial a pacientes covid positivos en circuíto diferenciado.

    Ademais, o sistema de triaxe telefónica recomendado polo Sergas tamén aumentou a axenda de traballo, pois aínda que algunha demanda de atención se poida resolver por esta vía, case un terzo das consultas telefónicas tamén se atenden presencialmente.

    Por todo isto, CCOO-Sanidade esixe que se teña en conta os profesionais da sanidade no deseño do modelo de atención primaria, dotándoa de recursos abondo, garantindo que se dispoña de tempo suficiente para atender os doentes e priorizando de novo a atención presencial.