Representantes sindicais no rexistro das denuncias na Inspección. Á dereita da fotografía, Ricardo Santos, responsable de Acción Sindical da Fed. de Construción e Servizos de CCOO
O mércores, 16 de decembro, os tres sindicatos con representación na mesa de negociación do convenio da limpeza da Coruña xuntámonos para avaliar o estado das negociacións.
A análise dos tres sindicatos é a mesma: as propostas das patronais son unha tomadura de pelo. A parte empresarial pretende eliminar o dereito á xubilación parcial no sector, o dereito do persoal a tempo parcial e a ampliar a xornada cando haxa vacantes ou postos libres. Isto, a cambio dunha suba salarial do 0,8 % para 2021 (e do 0 % este ano 2020).
Os sindicatos propuxeran pactar primeiro os salarios do ano 2020, para despois continuar co resto da negociación do convenio. Porén, «está claro que a patronal só quere quitar dereitos a cambio de nada», o que constata tamén «que non lle ten respecto ningún aos traballadores e traballadoras do sector».
As tres organizacións reproban o argumento da patronal relativo á «crise provocada pola pandemia», xa que precisamente este sector é un dos grandes beneficiados, ao aumentar horas e facturación coas tarefas extra de limpeza e desinfección, mentres se pretende conxelar os salarios.
Por estas razóns, CCOO, UGT e CIG preparan un calendario de mobilizacións que ha culminar nunha folga, se así o decide o persoal en asemblea.
ASEMBLEAS
— A Coruña. Luns 28 de decembro, ás 11 e ás 18 horas, no salón de actos do edificio sindical (avenida de Alfonso Molina, s/n).
— Ferrol. Martes, 29 de decembro, ás 11 horas, no local sindical da CIG (rúa de Eduardo Pondal, 41-43); e ás 18 horas no local sindical de CCOO (rúa María, 42).
— Santiago de Compostela. Mércores, 30 de decembro, ás 11 e ás 18 horas, no salón de actos do edificio CERSIA (rúa do Alcalde Raimundo López Pol, s/n).