Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Unha de cada catro novas persoas paradas é galega, alerta CCOO, que pide medidas para manter o emprego

  • En novembro, o desemprego aumentou en Galicia en 6165 persoas, un incremento do 3,40 % que quintuplica o dato estatal, do 0,66 %

Os datos do paro rexistrado publicados hoxe evidencian o impacto das medidas sanitarias restritivas para conter a pandemia, «pero tamén as debilidades do noso tecido produtivo anteriores a esta crise», advirte Comisións Obreiras (CCOO). Segundo a súa secretaria de Emprego, Maica Bouza, unha de cada catro novas persoas desempregadas no Estado é galega, concretamente 6165 dun total de 25.269. Isto deixa 187.472 parados e paradas en Galicia ao remate do mes de novembro.

02/12/2020.
Unha de cada catro novas persoas paradas é galega

Unha de cada catro novas persoas paradas é galega

O desemprego aumentou na comunidade un 3,4 % no último mes, dato que multiplica por cinco a media estatal (0,66 %). Esta suba deuse, ademais, en todos os sectores de actividade, non só nos máis paralizados por mor das restricións sanitarias.

A afiliación á seguridade social tamén se derruba: -2134 afiliados e afiliadas no último mes (-0,21 %), mentres que no conxunto do Estado sobe +0,17 %. Cae tamén a contratación, un -16,1 %, case o triplo ca no Estado (-6,55 %), e mesmo así a meirande parte dos novos contratos son eventuais (91,56 %).

CCOO comparte a necesidade de medidas sanitarias para controlar a evolución da pandemia, pero «deben ir acompañadas de medidas socioeconómicas que garantan o mantemento da actividade e do emprego», advirte Bouza. En concreto, a sindicalista demanda un «plan de reconstrución» enfocado a superar o impacto da covid-19, pero que ao tempo sirva para «transformar e modernizar» o tecido produtivo galego.

Análise por sexos e sectores

O desemprego aumenta máis entre os homes (3323 parados máis) que entre as mulleres (2842 novas desempregadas), pero iso non evita que as mulleres soporten o 57,1 % do desemprego galego. O paro medra entre as persoas de menos idade en 640 e en 5525 entre as maiores. Porén, en termos relativos increméntase máis o desemprego xuvenil (+16,4 %) ca entre as persoas de máis idade (+3,2 %).

Por sectores, o desemprego medra en todos eles, pero con máis intensidade no dos servizos (+4609). A seguir sitúanse a industria (+639), o primario (+382) e a construción (+276). Tamén aumenta no colectivo sen emprego anterior (+259).

Análise da contratación

En novembro rexistráronse en Galicia 61 311 contratos, dos cales 56 139 foron temporais. Isto é, só oito de cada cen contratos foron indefinidos. Ademais, redúcese tanto a contratación indefinida como a temporal, o que se traduce nunha caída do 16,1 % no número de contratos rexistrados ?en definitiva, da actividade? que case triplica a estatal, onde só diminúen un 6,55 %.

Afiliación á Seguridade Social

Canto á Seguridade Social, a afiliación baixa en 2134 cotizantes respecto á media do mes anterior, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 009 884. O réxime xeral perde 2202 afiliacións, mentres que o do mar e o de autónomos gañan 55 e 13 afiliacións, respectivamente.

Prestacións por desemprego

En outubro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 114 138 persoas: 63 348 prestacións contributivas e 50 790 subsidios. Unha parte das prestacións contributivas segue correspondendo ao mecanismo dos ERTE, garantía de mantemento de emprego aprobado polo Goberno central, con prórrogas acordadas cos axentes sociais. Ao rematar outubro, 26 918 galegas e galegos seguían nun ERTE: 13 413 nun de forza maior; 3136 nun de causas económicas, técnicas ou produtivas (ETOP) e 13 413 nunha das tres modalidades recollidas no RD 30/2020 para as novas restricións sanitarias.