Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

CCOO pide medidas para manter o emprego, logo de se constatar que a suba do paro en Galicia duplica a media estatal

  • En outubro, o desemprego aumentou en Galicia en 4733 persoas, un incremento do 2,68 % que duplica o dato estatal, do 1,31 %

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia pide medidas para manter o emprego, especialmente nas actividades que se vexan paralizadas pola situación sanitaria. Os datos revelan un aumento do paro rexistrado de 4733 persoas, o que supón un incremento do 2,68 %, cifra que duplica a media estatal (1,31 %). En Galicia, había no mes de outubro 181 307 persoas desempregadas. Nos restantes indicadores do mercado laboral galego, a evolución «é moito peor ca a estatal», sinala a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza.

04/11/2020.
O sector dos servizos encabeza a destrución de emprego en Galicia

O sector dos servizos encabeza a destrución de emprego en Galicia

Por exemplo, mentres que a afiliación sobe en media mensual en 219 persoas (+0,02 %), en España créanse 113 974 postos de traballo (+0,6 %). Canto á contratación, cae neste mes un -12,1 % (-4,97 % no Estado) e, mesmo así, a meirande parte da contratación é precaria: 66 393 contratos temporais dos 73 100 rexistrados en outubro en Galicia .

Cos datos na man, CCOO amosa a súa preocupación sobre o mercado de traballo se a situación sanitaria non mellora e se adoptan medidas que limiten a actividade económica e, en consecuencia, o emprego. Neste sentido, pide manter as medidas de apoio ás persoas que carecen de ingresos, pero tamén actuacións que manteñan o emprego nas actividades que se vexan paralizadas, así como facilidades para a conciliación da vida laboral, familiar e persoal ante o peche de centros de atención sociosanitaria ou polos confinamentos.

Análise por sexos e sectores

O desemprego aumenta máis entre os homes (+2684 parados máis) que entre as mulleres (+2049 novas desempregadas), pero iso non evita que as mulleres soporten o 57,5 % do desemprego galego. O paro medra entre as persoas de menos idade en 600 persoas e en 4133 entre as maiores; non obstante, en termos relativos increméntase máis o desemprego xuvenil (+6,5 %) ca entre as persoas de máis idade (+2,5 %).

Por sectores, o desemprego medra en todos os sectores, pero con máis intensidade no dos servizos (+3698). Ségueno o primario (+401), a industria (+155) e a construción (+116). Tamén aumenta no colectivo sen emprego anterior (+363).

Análise da contratación

En setembro rexistráronse en Galicia 73 100 contratos, dos cales 66 393 foron temporais; isto é, só nove de cada cen contratos foron indefinidos. Ademais, redúcese tanto a contratación indefinida como a temporal, o que provoca unha caída do 12,1 % no número de contratos rexistrados ?en definitiva, da actividade? que case triplica a estatal, onde só diminúen un 4,97 %.

Afiliación á Seguridade Social

Canto á Seguridade Social, a afiliación sobe en 219 cotizantes respecto á media do mes anterior, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 012 018. O réxime xeral gaña 460 afiliacións e o do mar 39, pero o de autónomos perde -280. Atendendo ao dato de afiliación do último día do mes de outubro, prodúcese un incremento de 7604 afiliacións respecto ao mesmo período do mes anterior.

Prestacións por desemprego

En setembro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 113 354 persoas: 64 603 prestacións contributivas e 48 751 subsidios. Unha parte das prestacións contributivas seguen correspondendo ao mecanismo dos ERTE, garantía de mantemento de emprego aprobado polo Goberno central, con prórrogas acordadas cos axentes sociais. Ao rematar outubro, 18 505 galegas e galegos seguían nun ERTE.