Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

CCOO «está en disposición» de asinar un acordo sobre os ERTE, que serviron para salvar millóns de empregos no Estado

  • O secretario xeral confederal, Unai Sordo, afirma que CCOO deixará a pel en defensa dos postos de traballo en Alcoa-San Cibrao

Comisións Obreiras (CCOO) «está en disposición» de asinar un acordo sobre os ERTE, unha ferramenta que serviu para salvar millóns de empregos en todo o Estado, e faríao «nas próximas horas ou na fin de semana, se for preciso». Así o afirmou este mediodía o secretario xeral confederal, Unai Sordo, ao remate do Consello Nacional de CCOO de Galicia, que tivo lugar hoxe en Santiago de Compostela.

25/09/2020.
De esquerda a dereita, Unai Sordo e Ramón Sarmiento

De esquerda a dereita, Unai Sordo e Ramón Sarmiento

O dirixente sindical salientou que, «por vez primeira nas nosas crises», conseguiuse que a caída da economía (-18 %) e a das horas traballadas (-15 %) non fosen parellas a unha caída similar do emprego. Grazas aos ERTE «salváronse millóns de postos de traballo», insistiu Sordo.

«Coa proposta que onte tiñamos na mesa», explicou o secretario xeral confederal de CCOO, «dáse resposta a boa parte das demandas sindicais para a renovación dos ERTE», que manterían os dereitos económicos para as traballadoras e os traballadores, melloraríase a súa prestación ?manténdoa no 70 % da base reguladora? e, ao tempo, «sería un modelo aplicable en caso de rebrotes ou novas restricións», apuntou.

Unai Sordo tamén lle enviou unha mensaxe á patronal CCOO: «Non hai motivo ningún para as asociacións empresariais non subscribiren este acordo». Na súa opinión, a formulación dos ERTE abrangue a todos os sectores e permitiría «evitar despedimentos por millóns». O custo económico «é moi substancial, pero vale a pena», concluíu.

CCOO deixará a pel en Alcoa

Canto á situación das negociacións para a venda de Alcoa-San Cibrao, Sordo afirmou que «cómpre presionar a Alcoa para que faga o que ten que facer. Non nos resignamos á mensaxe de que non vai vender». «Hai que presionar e dar saída razoable aos traballadores e manter a actividade industrial», insistiu o dirixente sindical. «Imos deixar a pel para que sexa así, e ao saírmos de aquí [do Consello Nacional de CCOO de Galicia] iremos á Mariña para estar cos traballadores».

Diálogo social en Galicia

Pola súa parte, o secretario xeral de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento, falou da situación do diálogo social no noso país. «Hai escasas horas demos o pistoletazo de saída», afirmou en referencia á declaración institucional asinada o mércores «entre o Goberno galego e as forzas que consideraron que neste momento é necesario arrimar o ombreiro».

Sarmiento salientou que CCOO «coma sempre, está e estará propoñendo e tentando chegar a acordos ao redor das nosas propostas». Puntualizou que a crise sanitaria «terá efectos que non poderemos corrixir», pero tamén «abre escenarios que deberemos aproveitar, como os fondos adicionais que estarán a disposición polo cambio de paradigma no ámbito europeo».

O secretario xeral de CCOO de Galicia tamén exhortou o presidente da Xunta a que os orzamentos do próximo ano teñan «necesariamente» un carácter expansivo para contribuír á recuperación do país.