Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Abril 2024.

Vivas, libres e unidas pola igualdade

    CCOO e UGT convocamos, este novo 8 de Marzo, unha folga xeral, porque ante a situación que estamos a vivir é fundamental seguir reivindicando e loitar contra as fendas e discriminacións que, por razón de xénero, seguen existindo en todos os eidos da vida, e particularmente no mercado laboral en Galicia, así como pola urxencia de dar resposta ás demandas e necesidades das traballadoras.

    01/03/2019.
    Á esquerda, Mónica García (sec. da Muller de UGT); á dereita, Mamen Sabio (sec. da Muller de CCOO)

    Á esquerda, Mónica García (sec. da Muller de UGT); á dereita, Mamen Sabio (sec. da Muller de CCOO)

    Vivimos tempos en que a igualdade de trato e de oportunidades e os dereitos das mulleres están a ser atacados polo rexurdimento de pensamentos reaccionarios, cuxo obxectivo é  eliminar  os avances acadados. Ante esta situación, coidamos que nos atopamos nun momento decisivo, porque as violencias machistas non cesan e cómpren avances no marco do diálogo social e impulsar a negociación colectiva para poñer en marcha medidas e plans de igualdade, para acabar coas fendas de xénero (en especial, a salarial), para poder exercer a corresponsabilidade nos coidados, para unha educación igualitaria e feminista e para avanzar na representación  paritaria. Á vista desta situación, convocamos folga xeral o próximo 8 de marzo e reivindicamos:

    ? Medidas efectivas que eliminen as brechas laborais de xénero, en especial a brecha salarial e a precariedade no emprego.

    ? Medidas efectivas para a corresponsabilidade e servizos públicos de calidade de conciliación, para que os coidados se repartan equitativamente entre mulleres, homes, a sociedade e o Estado.

    ? Dignificar o traballo doméstico e equiparalo laboralmente.

    ? Acabar coa segregación laboral e a desvalorización social dos sectores feminizados.

    ? Conseguir un sistema de protección social igualitario que garanta a equidade en condicións de vida das mulleres.

    ? Previr a feminización da pobreza, lograr unha renda mínima garantida, melloras do SMI e dos soldos, para acabar coa brecha salarial nas pensións.

    ? Alcanzar a igualdade en recoñecemento e representación.

    ? Lograr unha educación igualitaria, feminista, de calidade, libre de lgtbfobia, que eduque en corresponsabilidade, sen segregación académico-laboral, que utilice unha linguaxe inclusiva e igualitaria.

    ? Por un consumo respectuoso e sustentable, que non supoña custos ambientais á sociedade, cuns modos de produción que respecten dereitos e condicións laborais.

    ? Políticas de igualdade eficaces, con estruturas estables e do máis alto rango na xerarquía institucional, con recursos suficientes, persoal cualificado, programas realistas e orzamentos proporcionais á magnitude dos problemas que enfrontan.

    ? Partidas orzamentarias suficientes nos orzamentos xerais do Estado destinadas aos programas de   igualdade e contra a violencia de xénero, atendendo ás recomendacións do informe do CEDAW e as obrigas do Convenio do Consello de Europa sobre prevención da violencia contra as mulleres (Istambul 2011).Condenamos todas as formas de violencia machista, cuxa expresión máis brutal, repulsiva e intolerable son os asasinatos das mulleres polo feito de ser mulleres; as agresións sexuais; o acoso sexual e o acoso por razón de sexo que acotío sofren mulleres e nenas; así como todas aqueloutras formas de violencia contra as mulleres en todos os ámbitos, no fogar, na rúa e no traballo.

    Condenamos todas as formas de desigualdade e discriminación que padecen as mulleres: no acceso ao emprego, na segregación ocupacional, nas condicións laborais (maior precariedade, desigualdade salarial, a perpetuidade de medidas ineficaces que non garanten a corresponsabilidade e a conciliación);  a ausencia de recoñecemento do traballo non remunerado e remunerado e a carencia dun sistema de protección social igualitario.
    Por iso, este 8 de Marzo sumaremos forza sindical nunha xornada de mobilización masiva, reivindicativa e de confluencia civil e social, mediante unha folga con vontade inclusiva, solidaria e feminista.

    Daquela, facemos un chamamento as traballadoras e traballadores a secundar a convocatoria de folga e a participar activamente nos actos, mobilizacións e manifestacións convocadas con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora.