Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

CCOO e UGT mobilízanse pola xustiza salarial na Xornada Mundial polo Traballo Decente

    Coincidindo coa celebración o 7 de outubro da Xornada Mundial polo Traballo Decente, CCOO e UGT organizaron esta semana mobilizacións nas catro provincias para esixir xustiza salarial. Houbo concentracións na Coruña (o xoves, día 6) e en Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo (este venres, día 7).

    07/10/2022.
    Concentración en Ourense, na que participaron este venres a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, e o seu homólogo da UGT

    Concentración en Ourense, na que participaron este venres a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, e o seu homólogo da UGT

    Esta campaña, en demanda de subas salariais que garantan o mantemento do poder de compra ante unha suba desbocada dos prezos, arranca o 7 de outubro en todo o país. Do 14 ao 28 terán lugar asembleas informativas e repartición de material informativo nos centros de traballo e o día 3 de novembro CCOO e UGT convocan unha gran mobilización en Madrid.

    Con estas mobilizacións preténdese defender as persoas traballadoras nun momento difícil no económico e social, cun crecemento da inflación e do custo da vida desbocados; demandarlles ás patronais que senten para pechar os convenios bloqueados; e acadar un acordo xeral de salarios porque España é o segundo país pola cola no relativo a incrementos salariais.

    Na negociación dun novo Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva, CCOO e UGT vanse manter firmes na súa demanda de incluír cláusulas de revisión salarial para que os traballadores e traballadoras non vexan diminuído o seu poder de compra, o que reduciría o consumo interno e castigaría tamén a economía en xeral. Os sindicatos advirten que, se non se consegue un acordo xeral, loitarase convenio a convenio.

    Tras o verán, CCOO e UGT emprazaron a patronal a desbloquear a mesa de negociación. A falta de resposta obrigou a dar un paso máis e saír ás rúas, xa que subir os salarios, así como controlar os prezos, debe ser hoxe unha prioridade e unha necesidade económica e social de primeira orde.

    Que os salarios suban para garantir o mantemento do poder de compra dos traballadores e traballadoras é unha cuestión de xustiza social que, ademais, contribuirá a xerar consumo e emprego. Non se pode permitir que a clase traballadora se empobreza nunha conxuntura de crise e cunha inflación moi elevada pero que, en ningún momento, ten a súa orixe nos salarios.