De esq. a der., Xoán Carlos Aneiros, secretario de Organización da FPX-CCOO e Carlos Mella, secretario xeral da FPX-CCOO
Para CCOO, a crise sanitaria puxo o foco sobre as residencias, «onde se infectaron e faleceron un número moi elevado de persoas maiores residentes», nunha gran cantidade de casos «sen recibiren asistencia médica». A calidade da atención e as condicións laborais fixeron saltar as alarmas sobre a necesidade de aumentar o control sobre uns centros que na meirande parte (70 %) son privados.
España, igual ca outros países da súa área, ten que afrontar o desafío de asegurar a calidade de vida das persoas maiores, grupo de idade que aumenta como consecuencia do envellecemento poboacional, especialmente no medio rural. Actualmente, o 20 % da poboación española ten máis de 65 anos, polo que a atención e os coidados son elementos cruciais para asegurar a calidade de vida das persoas maiores residentes neses núcleos poboacionais.
Defender os servizos públicos e o envellecemento activo
A pandemia da covid-19 visualizou a relevancia que teñen os servizos públicos para garantir o benestar de todas as persoas, pero tamén se constataron as eivas do sistema. Cómpre máis atención ás persoas no seu domicilio, identificar as persoas con maiores necesidades e priorizar as consideradas imprescindibles en cada caso para, así, poder reorganizar os recursos.
Por outra parte, os sistemas públicos de saúde, dependencia e servizos sociais son esenciais para lograr envellecer en condicións saudables e con autonomía. Ademais, son «instrumentos para loitar contra a desigualdade en todas as etapas da vida, abordando as diferenzas territoriais existentes así como a cobertura de servizos e recursos destinados ás persoas maiores», sinala CCOO.
Outras demandas de CCOO son o reforzamento da sanidade pública, sobre todo a atención primaria; o impulso da atención domiciliaria ás persoas dependentes; dotar as residencias de máis persoal e medios; fortalecer a función de inspección das residencias que compete ás Administracións; impulsar unha lei integral dos dereitos das persoas maiores; reducir do prezo dos bens e servizos esenciais e revisar os criterios do acceso ao bono social térmico para ampliar a súa cobertura.
Defender as pensións
Por último, CCOO avoga polo diálogo social como mellor xeito de defender o sistema público de pensións. Neste sentido, chama a seguir o exemplo do último acordo asinado, que garante a revalorización coa media da suba do IPC de decembro a novembro e elimina o factor de sostibilidade —que facía perder poder adquisitivo ás futuras pensións—, entre outras melloras.