Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

Resultado da mesa de diálogo social estatal da función pública do 28 e 29 de setembro

    Despois de dous días de negociacións, o Goberno comunicoulles unha proposta definitiva ás organizacións sindicais. Esta nova proposta inclúe un bloque salarial e outro de mellora de condicións laborais que reivindicamos historicamente.

    30/09/2022.
    Acordo XA polos salarios para o conxunto do sector público

    Acordo XA polos salarios para o conxunto do sector público

    En materia salarial

    O acordo incluiría os anos 2022, 2023 e 2024, tal e como reivindicamos, e representa un incremento  acumulado do 9,8 %, que se desagrega do seguinte xeito: 

    — O 2022 remataría cun incremento salarial do 3,5 % (o 2 % recollido nos orzamentos estatais, máis un 1,5 adicional). Aboarase nunha soa paga compensatoria antes de fin de ano.

    — No 2023, unha suba do 2,5 %, cunha cláusula salarial do 0,5 % se o incremento retributivo do 2022 e o 2023 quedase por baixo do IPC harmonizado deses dous anos, máis un 0,5 % adicional no caso de alcanzar un determinado incremento do PIB nominal.

    — No 2024 sería do 2 %, engadindo un 0,5 % máis se o incremento retributivo do tres anos fose inferior ao IPC acumulado.

    O resto de materias que se inclúen na proposta e que afectan ao conxunto das Administracións públicas (incluído o sector público empresarial) son:

    — Eliminación da limitación que impide a implantación plena das 35 horas semanais.

    — Plena aplicación da clasificación profesional do artigo 76 do texto refundido do Estatuto básico do empregado público.

    — Aplicación da clasificación profesional adaptada ás novas titulacións (grupo B).

    — Derrogación dos recortes do Real decreto lei 20/2012.

    — Xubilación anticipada.

    — Taxa de reposición.

    — Implementación das medidas de igualdade.

    — Negociación sindical da dixitalización e modernización das Administracións públicas.

    — Negociación da atracción e retención do talento nas Administracións públicas.

    Respecto da Administración Xeral do Estado:

    — Posta en marcha efectiva do teletraballo.

    — Negociación do contido da Lei da función pública da Administración Xeral do Estado.

    — Retribucións e negociación colectiva para o persoal do Servizo Exterior.

    — Revisión do modelo de centros penais e elaboración dunha RPT.

    — Revisión dos gastos de desprazamento.

    Para vixiar o cumprimento do posible acordo, crearase unha comisión de seguimento. Nestes momentos, CCOO levará aos seus órganos de dirección a proposta do Goberno para decidir se asina ou non o acordo exposto. Sexa como for, este sería un primeiro bloque de materias que se aplicarán de maneira inmediata, pero sen pechar a negociación das restantes.