Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

As mulleres, protagonistas no primeiro acto de setembro na conmemoración da folga de Vigo do 72

    Vigo acolleu o martes, 6 de setembro, un novo Encontro Sindical da Muller, que volveu ser un éxito de participación. A edición deste ano dedicou unha lembranza especial ás mulleres protagonistas das mobilizacións de 1972, acontecementos que transformaron o contexto sociopolítico do noso país.

    07/09/2022.

    URL | Código para insertar

    Encontro Sindical da Muller (Vigo, 2022)

    Encontro Sindical da Muller (Vigo, 2022)

    A inauguración correu a cargo da secretaria da Muller de CCOO de Vigo, Puri Bernárdez, mentres que o saúdo institucional lle correspondeu á concelleira Uxía Blanco.

    Como se indicou, o encontro deste ano centrouse na participación feminina nas mobilizacións históricas de Ferrol e Vigo de 1972. Primeiro, coa proxección dun vídeo e a seguir cun animado coloquio entre varias das protagonistas, que quixeron deixar claro que «as mulleres estamos sempre onde hai calquera circunstancia interesante».

    Outros temas que se debateron durante este encontro foron os teitos de cristal, a conciliación e o activismo sindical ou o labor das CCOO para acadar a plena igualdade das mulleres e das persoas LGTBI+. Este último punto contou coa intervención —mediante videoconferencia— de Carolina Vidal, secretaria confederal de Igualdade de CCOO.

    A secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO, Amelia Pérez, manifestou o seu «orgullo» por compartir xornada con todas as compañeiras e participantes, amais de coñecer de primeira man «as súas vivencias, a súa historia, o compromiso e a militancia».

    A secretaria de Muller e Igualdade, Mamen Sabio, salientou a importancia de saber «de onde vimos» para saber «a onde imos e que camiño tomar». Así mesmo, subliñou o pouco habitual dunhas xornadas dedicadas todos os anos «ás mulleres e ao sindicalismo».

    Na clausura das xornadas, a secretaria xeral de CCOO de Vigo, Montserrat Carrera, citou un fragmento dun poema da poetisa feminista Margot Chamorro, viguesa e colaboradora das CCOO: «desterrar queremos o medo e a fame / e inzar bandeiras de liberdade / un mundo faremos onde a muller sinta / a plena igualdade / onde os nenos xoguen na roda xigante / sorríndolle á vida que vai por diante».