Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

CCOO reclama responsabilidade as empresas ante a calor: “É tan sinxelo como previr e cumprir a normativa”

    CCOO lembra a obrigación e responsabilidade que teñen os empresarios e as empresarias de protexer o benestar, a saúde e a seguridade dos traballadores e as traballadoras ante todos os riscos laborais, incluído a calor de orixe ambiental externo.

    23/07/2022.

    URL | Código para insertar

    “A calor pode matar, previr salva vidas”, non e unha frase feita e unha realidade, son as consecuencias que poden carrexar as altas temperaturas, que abarcan desde unha simple dor de cabeza, fatiga, cambras musculares, nauseas, abundante sudoración, ou confusión, ata a consecuencia máis extrema; é dicir, o golpe de calor. A exposición a condicións ambientais extremas que conleva a acumulación excesiva de calor no corpo, desencadea un conxunto de alteracións no organismo que poden producir danos moi graves para a saúde, e mesmo a morte.

    Os empresarios e empresarias teñen a obrigación e a responsabilidade de protexer o benestar, a saúde e a seguridade dos traballadores e as traballadoras ante todos os riscos laborais, incluído a calor de orixe ambiental externo. Por tanto, na xestión preventiva da empresa deben estar contempladas as condicións ambientais como factor de risco (ambiente térmico) e plans de acción para mitigar as súas consecuencias negativas. Actualmente existen normas a cumprir para evitar que se produzan accidentes de traballo ou que as traballadoras e os traballadores desenvolvan problemas de saúde por mor da calor excesiva no seu lugar de traballo. Evitar eses accidentes é tan sinxelo como previr e cumprir a normativa.

    En canto á normativa, a Lei de Prevención de Riscos Laborais indica que o responsable de avaliar os posibles riscos e aplicar aos mesmos as medidas preventivas necesarias é o empresario/a. Dita avaliación de riscos debe realizarse tendo en conta as condicións máis desfavorables. Neste caso, as altas temperaturas. Doutro lado, o Real Decreto 486/1997. Disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo, é tamén de obrigado cumprimento e nel recóllese, por exemplo, as temperaturas que ha de haber nos lugares pechados nos que leven a cabo traballos sedentarios (17º - 27º) e onde se realicen traballos lixeiros (14º - 25º).

    En relación aos traballos que se desempeñan ao aire libre, a normativa non marca temperatura, pero indica unha serie de obrigacións a cumprir por parte das empresas, como procurar que o traballo se realice á sombra ou en interiores cando sexa posible; vixiar que todos os empregados e empregadas estean aclimatados en función do esforzo físico requirido; ou contar con lugares de descanso á sombra; permitir os descansos cando sexan necesario. Así mesmo, a empresa debe de informar os seus empregados e empregadas sobre os riscos da exposición á calor e sobre as medidas preventivas; evitar a realización de traballos nas horas máis calorosas do día; e proporcionar auga fresca, gorras, protección solar, todo iso de maneira gratuíta, ademais de roupa de traballo lixeira e transpirable.

    O Real Decreto 1561/95, que regula as xornadas especiais de traballo, tamén establece que cando a exposición a condicións ambientais supoña un risco especial para a saúde das traballadoras e os traballadores e non resulte posible a súa eliminación ou redución mediante a adopción doutras medidas de protección ou prevención, limitaranse ou reducirán os tempos de exposición a estes riscos ambientais, sen redución do salario.

    O sindicato fai un chamamento ás persoas traballadoras para que “cando teñan algún síntoma chamen aos servizos de urxencias, para logo acudir co informe emitido polos servizos público de saúde á mutua correspondente, debido a que devanditos síntomas están relacionados con exposición no lugar de traballo, é dicir, accidente de traballo.

    CCOO esixe o cumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais e normativas, por parte das empresas, “xa que traballar con calor pode poñer en perigo a saúde e seguridade das persoas traballadoras".