Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Bono de alugueiro social en Galicia

    O importe mensual desta axuda poderá chegar ata o 100 % da renda do contrato de arrendamento, sempre que non supere o importe máximo previsto na norma. 

    14/07/2022.
    Bono de alugueiro social en Galicia

    Bono de alugueiro social en Galicia

    Quen pode solicitar a axuda?

    As unidades de convivencia:

    • Que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda, por estaren inmersas en situacións de especial dificultade de desafiuzamento por non pagamento das rendas.
    • As das vítimas de violencia de xénero que teñan dificultade para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda.
    • Aquelas con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que fosen privadas da súa vivenda habitual, que posúen en calidade de propietarias ou usufrutuarias, por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.
    • As que, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública do IGVS, finalizase a vixencia do seu contrato, unha publicada esta norma.
    • Onde concorran circunstancias de emerxencia social e non acadar o límite mínimo de ingresos establecido no Programa de vivendas baleiras cos concellos, este lles propoña a adxudicación dunha vivenda.
    • Ás que sendo residentes en vivendas de entidades financeiras ou da Sareb con convenios co IGVS, rematasen a vixencia do seu contrato dentro dos seis meses anteriores á solicitude de subvención do Programa do bono alugamento social.
    • Mozos/as menores de idade tutelados pola Xunta de Galicia, unha vez que acaden a maioría de idade e saian do réxime de tutela.
    • As persoas que fosen privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de procedementos xudiciais de execucións hipotecarias ou de acordos extraxudiciais de venda ou dación en pagamento a entidades financeiras.
    • As persoas que sexan beneficiarias do bono de alugueiro social, ou que estean en situación de prórroga, con base nas convocatorias anteriores, sempre que acrediten que continúan en situación de vulnerabilidade.

    Requisitos

    • Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza. No caso dos estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estadía ou residencia en España.
    • Estar empadroadas e ter residencia efectiva nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia durante os doce meses inmediatamente anteriores á solicitude da axuda. No caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, será suficiente acreditar que están empadroadas nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia e que posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais.
    • Que sexan titulares ou estean en condicións de subscribir un contrato de arrendamento nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha duración mínima dun ano, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.                                                             No caso dos/das menores orfos por violencia de xénero ou vítimas de trata, o contrato de arrendamento poderá ser asinado pola persoa que posúa a patria potestade, tutela ou acollemento familiar permanente do/da dito/a menor, nos termos que se determine na normativa aplicable.
    • Que a vivenda obxecto do contrato de arrendamento constitúa ou vaia constituír o seu domicilio habitual e permanente.
    • Que a renda do contrato de arrendamento que se subvencione non supere os importes sinalados no artigo 5 destas bases reguladoras.
    • Que os ingresos da unidade de convivencia da persoa beneficiaria, sexan iguais ou inferiores a 1,5 veces o indicador público de efectos múltiples ponderado.
    • Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da unidade de convivencia teña vínculo de matrimonio, relación estable análoga ou parentesco coa persoa arrendadora.
    • Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia teña no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto.Que non poidan ser arrendatarias de vivendas xestionadas polo IGVS.
    • Que as persoas membros da unidade de convivencia estean ao día das obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non estean incursos nos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

    Cómputo de ingresos

    Os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante deben ser iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM ponderado. Os límites máximos de ingresos calcularanse tomando como base do cálculo a contía do último IPREM anual en 14 pagas, publicado no momento da presentación da solicitude, multiplicado por 1,5. Esta contía dividirase polos seguintes factores de ponderación, en función do número de persoas que integren a unidade de convivencia:

    • Familias dun membro: sen ponderación.
    • Familias de dous membros: 0,90.
    • Familias de tres membros: 0,80.
    • Familias de catro membros: 0,70.
    • Familias de cinco ou máis membros: 0,60.

    No suposto de que as persoas beneficiarias sexan as fillas e/ou fillos maiores de idade e menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, os seus ingresos, en cómputo anual, deberán ser iguais ou inferiores a doce mensualidades do IPREM.

    Os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante determinaranse calculando o rateo mensual dos ingresos netos correspondentes a cada unha das persoas membros da dita unidade de convivencia durante os tres meses anteriores ao da presentación da solicitude, incluíndo no seu caso o rateo correspondente ás pagas extraordinarias.

    Renda das vivendas

    A renda mensual máxima os importes definidos na norma que diferencian tres tramos: 550 euros, 500 euros e 425 euros segundo o concello onde estea a vivenda.

    Contía e duración da axuda 

    O importe mensual desta axuda poderá chegar ata o 100 % da renda do contrato de arrendamento, sempre que non supere o importe máximo previsto na norma. O importe mensual da axuda non poderá ser superior á renda da vivenda.

    A axuda recoñecerase desde o mes en que se dite a resolución de concesión, sempre que conste un contrato válido de arrendamento de vivenda achegado.

    Cada unidade de convivencia só poderá percibir unha axuda de doce bonos mensuais consecutivos, susceptible de catro prórrogas sucesivas polo mesmo importe, de doce meses cada unha, ata acadar unha duración máxima de cinco anos, cando subsistan as condicións de necesidade que deron lugar á concesión inicial e se acredite o límite de ingresos.

    As axudas concedidas, iniciais ou prórrogas, rematarán o 31 de decembro de 2026.

    Prazo de presentación

    O prazo de presentación de solicitudes estará aberto permanentemente desde 14 de xullo ata o 30 de novembro de 2026 e, en todo caso, ata o esgotamento da dotación orzamentaria. 

    Presentación de solicitudes

    As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

    Ademais da documentación requirida na solicitude inicial deberá achegarse toda a documentación complementaria prevista na orde de convocatoria e diversas declaracións requiridas.

    Mais información

    DOG Núm. 133 Mércores, 13 de xullo de 2022: 

    RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do bono de alugueiro social e se procede a súa convocatoria continuada e permanente ata o esgotamento do crédito (código de procedemento VI482F).