Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

A aprobación do texto da Lei de fondo do amianto no Congreso é un bo paso pero aínda insuficiente

    Para CCOO, o texto deixa pendente a determinación das persoas beneficiarias, a contía das indemnizacións e o establecemento dunha exención fiscal.

    14/07/2022.
    O amianto é unha lacra no ámbito laboral, familiar e veciñal

    O amianto é unha lacra no ámbito laboral, familiar e veciñal

    A aprobación na Comisión Parlamentaria de Traballo do Congreso dos Deputados do texto da Lei de creación dun fondo de compensación das vítimas do amianto é un paso adiante no obxectivo de facer xustiza coas persoas afectadas por este asasino silencioso, pero aínda non é o definitivo. Trátase dunha reclamación de asociacións de vítimas e sindicatos longamente demorada e que persegue evitar o calvario de procesos administrativos e xudiciais que se prolongan durante anos e que moitas veces se dilucidan tras o falecemento da persoa enferma.

    Con todo, a xuízo de CCOO hai tres cuestións clave que aínda non se concretaron no texto aprobado e que están pendentes de dilucidar. No desenvolvemento regulamentario que deberá acometer o Goberno, no prazo de tres meses tras a publicación da lei, deberase determinar o alcance das persoas beneficiarias, en concreto dos habentes causa. Ao noso xuízo, este dereito debería atanguer a cónxuxes e fillos no caso das persoas falecidas, como sucede nas indemnizacións que vimos logrando a través de procesos xudiciais.

    Outro aspecto que queda para o desenvolvemento regulamentario é o establecemento das contías das indemnizacións, e trátase dun elemento fundamental porque sen unhas indemnizacións dignas a maioría das vítimas renunciarían a acollerse ao fondo e veríanse abocadas de novo á vía xudicial.

    Finalmente, no texto aprobado onte non se concretou o establecemento dunha exención de tributación para estas indemnizacións, tal e como solicitaramos aos grupos parlamentarios. A nosa reclamación baséase en precedentes xa existentes, como sucede coas axudas ás persoas afectadas por VIH. Nese caso fixouse a exención primeiro no Real decreto lei 9/1993 que regula as axudas e posteriormente ratificouse cunha modificación do artigo 7 da Lei 35/2006 do imposto sobre a renda das persoas físicas.

    Gran noticia pero...

    A aprobación do fondo debe ser unha gran noticia para a persoas afectadas polo amianto, pero para que isto sexa así ha completar a súa tramitación lexislativa e o seu desenvolvemento regulamentario asegurando unhas contías dignas das indemnizacións, a súa exención tributaria e a súa cobertura a cónxuxes, fillos e fillas das persoas que perderon os seus familiares pola exposición a un material do que se coñecía a súa letalidade e na que o Estado ten unha clara responsabilidade por demorar durante demasiadas décadas a prohibición definitiva do seu uso.

    Desde CCOO continuaremos facendo o seguimento do trámite no Senado e do desenvolvemento regulamentario no Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións para conseguir un fondo de compensación que por fin faga xustiza coas vítimas do amianto.