Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Abril 2024.

CCOO pide compromiso para loitar contra os riscos laborais no sector das camareiras de pisos

    Nos meses de maio e xuño, CCOO terá encontros con camareiras de pisos, dentro do programa de «Intervención preventiva con traballadoras/es dos departamentos de pisos dos establecementos hostaleiros» financiado polo Plan de Nacional sobre Drogas, nos que analizará e debaterá sobre o consumo de fármacos, hipnosedantes, analxésicos opioides e outras drogas.

    19/05/2022.
    Traballadoras establecementos hostaleiros

    Traballadoras establecementos hostaleiros

    No marco da campaña «Os teus dereitos, a mellor medicina», impulsada por CCOO, celebraranse encontros con camareiras de pisos de Zaragoza, Santander, Toledo, Mérida, A Coruña, Logroño, Bilbao e Oviedo, e delegadas de persoal e de prevención de riscos laborais, ao longo destes meses. Nestes encontros preténdese dotar as delegadas de ferramentas para velar polo cumprimento da normativa en materia de prevención de riscos laborais, así como desempeñar un papel activo nos comités de seguridade e saúde.

    Tras a incorporación aos centros de traballo despois do parón da covid-19, o colectivo de camareiras de pisos experimentou un gran aumento das cargas de traballo, de seu xa bastante altas antes da pandemia; isto, unido á temporalidade, a precariedade no emprego, os contratos parciais fraudulentos, as xornadas interminables e o incumprimento das condicións salariais que estipulan os convenios de hostalaría, lévanos a dicir que chove sobre mollado. É dicir, a hostalaría tivo e mantén todo o malo do mercado laboral de España. O aumento das cargas de traballo está a supoñer un sobreesforzo que non foi avaliado de acordo cos artigos 15 e 16 da Lei 31/1995 e que derivou directamente nun empeoramento das condicións laborais, co consecuente impacto na saúde que, ademais, leva a un consumo elevado de medicamentos (analxésicos, antiinflamatorios, hipnosedantes) para poder finalizar a xornada laboral.

    Mesa Tripartita por un Emprego de Calidade en Hostalaría

    CCOO insta o Goberno a que convoque canto antes a Mesa Tripartita por un Emprego de Calidade en Hostalaría, constituída na anterior lexislatura, para avaliar estes riscos e poder aplicar as medidas preventivas oportunas. Tamén considera que se debe acometer un procedemento que permita establecer coeficientes redutores para anticipar a idade de xubilación das camareiras de pisos, sen perda económica na súa pensión, así como insistir na urxencia de garantir que as mutuas apliquen o Real decreto 1299/2006 en toda a súa extensión e o oficio da Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social do 21 de setembro de 2018, e se recoñezan como profesionais todas as patoloxías recollidas na nosa lexislación, que son moi prevalentes no colectivo de camareiras de piso.

    CCOO volve demandar a realización de inspeccións de traballo que saquen á luz as verdadeiras condicións destas traballadoras. Débese insistir, ante as empresas e as comunidades autónomas, no fundamental que é desenvolver unha acción preventiva orientada aos riscos laborais correctamente identificados, incluíndo algo que poucas veces se ten en conta, a política de compras de empresas; tamén nas lexislacións en materias turísticas que deben incluír, por exemplo, camas con rodas que se eleven, material ergonómico, produtos de uso para a limpeza non tóxicos. En definitiva, que a organización do traballo conte coa participación das traballadoras, que se mellore e incremente a formación e información e que a vixilancia da saúde sexa específica para esta profesión.

    Por último, CCOO considera positivo o novo artigo 42.6, que se garanta a aplicación do convenio sectorial de hostalería conforme establece o RDL 32/2021. Por tanto, se se subcontrata o servizo de camareiras de pisos, a actividade que van desempeñar as traballadoras de contrata nun hotel, aínda que no contrato entre as partes poida figurar que é para realizar tarefas de limpeza, a realidade é que van desempeñar funcións de camareiras de pisos, unha actividade cuxas funbcións veñen recollidas tanto nos convenios colectivos sectoriais de hostalería como no Acordo Laboral de Hostalería de Ámbito Estatal ( ALEH), onde as camareiras de pisos están encadradas na área funcional cuarta no grupo 2.º, que é o dos profesionais. Ademais da aplicación do convenio sectorial, CCOO vai loitar no marco do ALEH, nos tribunais, ante a Inspección de Traballo e a través das mobilizacións, pola limitación da subcontratación de actividades propias e para que as empresas cumpran coa aplicación dos convenios sectoriais de hostalería.

    CCOO chama as patronais a negociar de forma rigorosa e respectuosa coa representación sindical para evitar a escalada de tensión e conflito na situación de bloqueo da negociación colectiva que está tendo dramáticas consecuencias para as traballadoras.