Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

StopLGTBIfobia nos centros de traballo

    CCOO denuncia a persistencia dos discursos de odio e a necesidade de desterrar calquer indicio de LGTBIfobia.

    17/05/2022.
    StopLGTBIfobia

    StopLGTBIfobia

    O 17 de maio de 1990, a Asemblea Xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS) eliminou a homosexualidade feminina e masculina da listaxe de enfermidades mentais. En conmemoración desta efeméride, cada ano celébrase o Día Internacional contra a LGTBIfobia, unha data especialmente sinalada ante o auxe dos discursos de odio e as agresións LGTBIfóbicas. 

    As estatísticas do Ministerio do Interior reflicten que, nos seis primeiros meses de 2021 (últimos datos dispoñibles), Policía e Garda Civil recibiran 610 denuncias por delitos de odio, un 9,3% máis ca no mesmo período de 2019. Preocupan os informes sobre a evolución dos delitos de odio, elaborados anualmente desde 2013, que mostran que case todos os anos se rexístra un aumento. Ademais, a enquisa sobre delitos de odio de 2021, realizada tamén polo Ministerio do Interior, sinala que o principal motivo discriminatorio que denuncian as vítimas nas súas respostas é por orientación sexual/identidade de xénero, cun 35,47 % das respostas. E isto a pesar do fenómeno da infradenuncia que a miúdo se sinala desde os colectivos. 

    Na antesala dos delitos sitúase o discurso de odio, moito máis difícil de cuantificar, pero, sabémolo, estendido nas rúas, nas redes sociais, nos corredores das empresas… e con efectos certos sobre a saúde e o benestar das persoas LGTBI+.

    Desde CCOO subliñamos o noso compromiso coas liberdades e o respecto á diversidade sexual, afectiva e de xénero: ninguén debería ser obxecto de burlas, chanzas, discriminacións ou agresións por amar ou desexar a quen sexa, ou pola súa identidade ou expresión de xénero. Ninguén debería ter que ocultar a súa orientación ou orientación sexual nos espazos laborais e perder por iso dereitos no traballo, sendo ademais lugares onde tanto tempo pasamos todas as persoas traballadoras e que tanto impacto teñen no noso benestar, na nosa vida e libre desenvolvemento. Porque se alguén ten que avergoñarse é quen persegue, quen humilla, quen acosa, quen teme a diferenza e/ou clasifica as demais persoas en función dos seus prexuízos.

    A campaña #AbáixallesACrista, #StopLGBTIfobia nos centros de traballo pon o acento na denuncia de todos estes comportamentos intolerables que os delegados e delegadas de CCOO van perseguir.

    En CCOO apostamos pola sensibilización e a formación en materia de diversidade sexual nas empresas, por incluír a LGTBIfobia e os riscos psicosociais que esta implica nas políticas de prevención e na avaliación de riscos dos postos de traballo, e por protocolos específicos en materia de acoso LGTBIfóbico para dar seguridade, resposta e protección ás posibles vítimas. Cremos, ademais, na necesidade dunha lei estatal que, máis aló do ámbito laboral, protexa e ampare fronte ás agresións LGTBIfóbicas. 

    En palabras de Mamen Sabio Sanz, secretaria da Muller, Igualdade e Políticas LGTBI, as CCOO de Galicia queremos «que os centros de traballo sexan lugares seguros para as persoas LGTBI+ e que a clase traballadora estea orgullosa de SER sen LGTBIfobia no seu traballo e na súa vida».

    Carolina Vidal López, secretaria confederal de Mulleres, Igualdade e Condicións de Traballo, salienta o papel de CCOO como «axente de igualdade. Comprometemos a todo o noso activo sindical na loita contra a LGTBIfobia para lograr ambientes laborais inclusivos onde todas as persoas desenvolvan libremente a súa personalidade e se sintan seguras».