Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Abril 2024.

CCOO sinálalle ao novo presidente da Xunta que é preciso tomar decisións xa

    O sindicato congratúlase de que «por fin deixemos de estar en interinidade no Goberno da Xunta», pois as medidas que precisa Galicia «non agardan por ninguén»

    14/05/2022.
    Relevo na Xunta de Galicia

    Relevo na Xunta de Galicia

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia sinálalle ao novo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que as medidas que precisa o noso país non poden esperar máis. Durante este último mes, a pesar da «situación delicada pola que estamos pasando», o Executivo autonómico «priorizou as cuestións orgánicas do seu partido no canto daquelas que lles afectan no día a día a milleiros de persoas e de familias».

    CCOO lamenta que o Goberno galego estivera case un mes «co piloto automático posto», renunciando a tomar decisións «de envergadura» malia a situación cada vez «máis complexa» que vive Galicia nos últimos tempos, «especialmente agravadas» pola guerra en Ucraína. «A Xunta ten unha débeda cos sectores produtivos en crise e cos galegos e galegas que non dan chegado a fin de mes».

    Xuntanza e adopción de medidas

    O día 16 de marzo, o anterior presidente da Xunta presentou publicamente unha serie de medidas que, amais de «insuficientes», non se trasladaron en ningún momento ao DOG, «que é o realmente importante».

    Unha vez que se produciu o nomeamento do novo presidente, o Sindicato Nacional de CCOO solicitaralle unha xuntanza «para acometer a delicada situación económica pola que estamos pasando como consecuencia, en boa parte, da invasión de Rusia en Ucraína».

    Nesta xuntanza tamén se lle transmitirá a Rueda que as medidas anunciadas son «insuficientes». Unha parte delas xa están en vigor, «polo que non supoñen nada novo, nin esforzo adicional ningún»; incluso con menor contía económica respecto das achegas ordinarias. Outras, porén, «son meramente declarativas ou sen concreción temporal».

    Ligazóns: