Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Continúan as mobilizacións por un convenio digno na carpintaría da Coruña

    Este mércores, 11 de maio, tivo lugar unha nova concentración do sector provincial da carpintaría e ebanistaría da Coruña. Desta vez foi diante de Malasa (Cerceda), unha das principais empresas.

    11/05/2022.
    Mobilización en defensa do sector da carpintaría

    Mobilización en defensa do sector da carpintaría

    O conflito débese a que a vixencia do convenio rematou no 2019 e a proposta da patronal suporía unha gran perda de poder adquisitivo. Por ese motivo, CCOO do Hábitat, UGT e CIG iniciaron xa en abril un calendario de mobilizacións.

    A proposta económica non recolle ningún incremento para o 2020. Xa para o 2021 propón unha suba do 3,1 %, pero pagando unicamente atrasos do 1,5 %, malia que o IPC dese ano rematou no 6,5. Para os exercicios 2023 e 2024, a suba sería do 1,5 %, cunha revisión salarial do 1,5 % se o IPC supera esa porcentaxe.

    Os sindicatos repróchanlle á patronal que faga esa oferta malia que as tres organizacións presentaron unha plataforma reivindicativa unitaria na que renuncian a moitas das peticións iniciais. Tamén critican que o bloqueo «non ten xustificación ningunha», pois as empresas teñen tal carga de traballo «que non dan atendido os pedidos, polo que seguen aumentando os beneficios».

    Tras a concentración de Cerceda, as próximas serán diante de Ramón García (Ordes), o 25 de maio; Cándido Hermida (Cedeira), o 8 de xuño; Santos (Boqueixón), o 22 de xuño.