Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

CCOO reuniuse coas familias do Villa de Pitanxo e reiteroulles o seu apoio

    CCOO solicitou reunirse, xunto coas persoas representantes da familia das vítimas, con Raquel Sánchez, ministra de Transportes, e Yolanda Díaz, ministra de Traballo e Economía Social 

    06/05/2022.
    Reunión de CCOO coas familias do Villa de Pitanxo

    Reunión de CCOO coas familias do Villa de Pitanxo

    Comisións Obreiras reuniuse este xoves, 5 de maio, con familiares dos mariñeiros falecidos e desaparecidos no naufraxio do pesqueiro Villa de Pitanxo, afundido hai dous meses e medio en augas de Terranova (Canadá).

    Na xuntanza participaron a secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez; o secretario xeral da Federación de Servizos á Cidadanía, José Manuel Ramos; o secretario de Organización da Unión Comarcal de Pontevedra, José Luis García Pedrosa; a secretaria xeral da Unión Comarcal de Vigo, Montserrat Carrera; e o coordinador do sector do Mar, Ricardo Valeiras.

    Desde CCOO expresáronlles ás familias o apoio nas súas reivindicacións, principalmente na necesidade de que se descenda ao pesqueiro para para comprobar en que situación quedou o buque, analizar as causas do sinistro e obter probas que contribúan a esclarecer as causas do naufraxio.

    Debido á gravidade destes feitos, a máxima responsable Federal de FSC-CCOO, Juana Olmeda, dirixiuse por carta a Raquel Sánchez, ministra de Transportes, e Yolanda Díaz, ministra de Traballo e Economía Social, na que pide unha investigación exhaustiva dos feitos. Para iso, CCOO solicitou reunirse coas ministras xunto coas persoas representantes das familias das vítimas, ofrecendo toda a colaboración que sexa precisa para investigar o suceso dentro das canles legais aplicables.

    As familias agradeceron a reunión con CCOO e o apoio que veñen ofrecendo, que comezou coa xestión da reunión co secretario de Estado para a Axenda 2030 e deputado no Congreso por Unidas Podemos, Enrique Fernando Santiago Romero, celebrada o pasado día 29 de abril en Vigo. Segundo publicou posteriormente Enrique Santiago en Twitter: «Para darlles todo o meu apoio e escoitar as súas demandas, que recollemos para contribuír no que estea na nosa man. O meu abrazo forte», 

    CCOO non cesará ata a total resolución do caso e mentres as familias non teñan as respostas que merecen, que, por outra parte, lle foron comprometidas no momento de máximo interese mediático e que desapareceron cando baixou o seguimento dos medios.