Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Abril 2024.

28 de abril do 2022: Día Internacional das Nenas nas TIC

    Interesar as nenas nas TIC é promover un futuro mellor para elas, pois trátase dun dos sectores con maiores salarios e mellor empregabilidade na actualidade. Debemos animar sobre todo as nenas a interesarse polo mundo da tecnoloxía porque os estudos amosan que só 29 de cada 1000 mulleres se gradúan nunha carreira relacionada coas TIC na Unión Europea.

    22/04/2022.
    Día Internacional das Nenas nas TIC 2022

    Día Internacional das Nenas nas TIC 2022

    A fenda dixital de xénero é unha realidade que afecta de forma especial ás nenas galegas, pois aquí esa fenda non é só de xénero, senón que se ensancha entre o mundo rural e o urbano, prexudicando aínda máis as futuras posibilidades de autoemprego e de emprendemento das mulleres nas pequenas poboacións.

    Como sindicato, é a nosa obriga promover a igualdade de oportunidades e de trato entre mulleres e homes en todos os eidos laborais, en especial naqueles en que as posibilidades de empregabilidade a longo prazo son mellores. Destaca a igualdade no acceso como unha das frontes onde máis temos que pelexar a fenda de xénero, por ser, día a día, o primeiro atranco para as mulleres no mercado laboral galego.

    Pero o acceso debe ir precedido dun interese, de aí a importancia da reivindicación deste día das Nenas nas TIC. Non podemos esquecer que, na actualidade, todas as actividades económicas levan implícito o emprego da tecnoloxía, polo que a falta de aptitudes das mulleres para a utilización e o desenvolvemento das TIC carréalles a diminución económica e social tanto a elas como ás empresas no noso país.

    Que a poboación feminina, sendo maioritaria, non posúa as habilidades e o coñecemento necesario para desenvolverse no mundo das TIC supón un freo enorme ao avance socioeconómico neses eidos. Por iso é imperativo rompermos o estereotipo que afasta as nenas e mozas dos estudos relacionados coas ciencias e a tecnoloxía.

    Así, facéndose eco deste día, o Gabinete de Igualdade, en colaboración coa Secretaría de Mulleres, Igualdade e Políticas LGTBI do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, quere reivindicar o seu compromiso na loita contra a fenda dixital de xénero, remarcando a importancia das TIC para a vida das futuras traballadoras de toda Galicia e, en definitiva, para o desenvolvemento igualitario do noso mercado laboral.

    Rompamos cos estereotipos de xénero que afastan as nenas das TIC! 

    Digamos ‘si’ á participación igualitaria de mulleres e homes nun mercado laboral baseado nas novas tecnoloxías!