Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

FERRAMENTA DE VALORACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO

    O Ministerio de Traballo e Economía Social publica a ferramenta para a valoración de postos de traballo e a guía 

    14/04/2022.
    FERRAMENTA DE VALORACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO

    FERRAMENTA DE VALORACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO

    Hoxe publícase na web do Ministerio de Traballo e Economía Social, na sección de Igualdade na Empresa, a ferramenta para a valoración de postos de traballo e a guía que facilita o seu uso. Trátase dun instrumento que incorpora a perspectiva de xénero como aspecto prioritario no proceso de valoración dos postos de traballo.

    Os plans de igualdade requiren dun diagnóstico de situación da empresa, acordado na comisión negociadora creada para elaboralos, cuxos pasos previos son esta valoración de postos e mais o rexistro retributivo, bases imprescindibles para realizar a auditoría retributiva da empresa, compoñente do diagnóstico de obrigado cumprimento. Todas estas avaliacións previas serán fundamentais na posterior negociación das medidas que terá que implementar o plan para atallar as desigualdades entre traballadoras e traballadores no noso mercado de traballo.

    Por todo isto, CCOO considera esta ferramenta «clave para combater a discriminación directa e indirecta que sofren moitas mulleres e no avance cara á correcta aplicación do principio de igualdade de retribución por traballos de igual valor. Así mesmo, serviranos como base para negociar a configuración das táboas salariais nos convenios colectivos».

    A tardanza na publicación amosa o empeño que se puxo na súa negociación e desenvolvemento para convertelo nun instrumento de proceder sinxelo, didáctico, transparente e normalizado, pensado para empregar nas valoracións de postos de traballo da maioría das empresas a necesaria perspectiva de xénero.

    Como afirman a Secretaría de Mulleres, Igualdade e Condicións de Traballo e a de Acción Sindical e Emprego, trátase dunha ferramenta gratuíta que «dá cumprimento ao mandato previsto na disposición final primeira do Real decreto 902/2020, de 13 de outubro, de igualdade retributiva entre mulleres e homes, de facilitar un modelo voluntario do procedemento para realizar esta valoración».

    Como sindicato, temos o papel fundamental de garantir a visión das persoas traballadoras cando se elaboren estes procesos de valoración de postos nas empresas*. 

    CCOO, como sindicato máis representativo, tivo unha forte participación no seu deseño, que se negociou e acordou no seo dunha mesa de diálogo social coa Dirección Xeral de Traballo e o Instituto das Mulleres, na cal participaron tamén UGT, CEOE e CEPYME.

    *A través da guía de uso comprenderemos os elementos necesarios para que se implemente de maneira correcta: categorías, factores, escalas… Rematada a avaliación, a ferramenta calcula automaticamente a puntuación numérica ou valor de cada posto, agrupándoos en postos de traballo de igual valor.

    Ligazón: https://www.mites.gob.es/es/portada/herramienta_valoracion_puesto/index.htm