Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

O Supremo apoia o regulamento dos plans de igualdade e ratifica a lexitimidade dos sindicatos máis representativos, como é CCOO

    O Tribunal Supremo confirma as teses de CCOO nunha sentenza que recoñece a obriga das empresas de negociaren os plans de igualdade cos sindicatos máis representativos ou cos representativos do sector cando non se celebraran eleccións sindicais nos seus centros. Desta forma, avala o regulamento acordado entre o Goberno central e os sindicatos CCOO e UGT para a elaboración e rexistro dos plans de igualdade.

    07/04/2022.
    CCOO traballa cada día pola igualdade na sociedade e na empresa

    CCOO traballa cada día pola igualdade na sociedade e na empresa

    A sentenza, dada a coñecer estea semana polo Supremo, acolle plenamente as teses sindicais e desestima o recurso contencioso administrativo interposto pola patronal CEOE contra o Real Decreto 901/2020, de 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro.

    Naquelas empresas que non contan con representación legal das persoas traballadoras porque non houbera eleccións sindicais, o decreto atribúelles a lexitimación para negociar os citados plans aos sindicatos máis representativos ou aos representativos do sector con lexitimación para negociar o convenio colectivo de aplicación.

    A patronal impugnaba esta atribución por considerar que esta lexitimación non estaba prevista na lei e non se podía establecerse no regulamento. Ao tempo, a CEOE postulaba que a negociación, nestes casos, se fixese mediante comisións creadas para este propósito (coñecidas como «comisións ad hoc»), designadas por persoas traballadoras sen as garantías democráticas do sistema de eleccións sindicais.

    O Tribunal Supremo afirma que os plans de igualdade han de contar co acordo da empresa e dos representantes dos traballadores, condición que non ostentan as comisións ad hoc. Lembra, tambén, que o propio Estatuto dos Traballadores xa lles outorga aos sindicatos máis representativos e representativos do sector a condición de representantes dos traballadores e das traballadoras nas empresas que non tiveron eleccións sindicais.

    Non se vulnera a protección de datos

    A patronal pretendía evitar a participación sindical nos centros co argumento de que a información necesaria para elaborar o plan non se podía entregar a estes representantes por vulnerar a normativa en materia de protección de datos.

    A sentenza aclara que os datos «son necesarios para realizar o diagnóstico do plan de igualdade» e que, aínda desagregados por sexos, «están disociados e non conteñen, en principio, datos persoais susceptibles de identificar o traballador ou traballadora da empresa». Polo tanto, é legal entregarlles aos sindicatos máis representativos a información solicitada para a elaboración do plan.