Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Abril 2024.

10M - CCOO celebra o Día da Clase Obreira Galega cunha multitudinaria manifestación en Ferrol

    10/03/2022.
    Cabeceira da manifestación deste Día da Clase Obreira Galega

    Cabeceira da manifestación deste Día da Clase Obreira Galega

    CCOO mantivo unha ampla representación nos actos institucionais organizados polo Concello de Ferrol.

    A secretaria xeral, Amelia Pérez, salientou que hoxe é «un día especial, de celebración pero tamén de emocións» porque este é o 50.º aniversario dos sucesos de 1972, nos que unha loita obreira foi reprimida a tiros por orde das autoridades franquistas, causándolles a morte de dous traballadores dos estaleiros Bazán.

    Amelia Pérez sinalou tamén que os dereitos conquistados a base da loita obreira é preciso «gañalos cada día, porque non se logran dunha vez para sempre». Na mesma liña foron varias das consignas que se puideron escoitar na manifestación, como «os dereitos non se venden, deféndense» ou «aquí está, aquí se ve, a clase obreira galega en pé».

    Pola súa parte, o secretario xeral confederal, Unai Sordo, que hai menos dunha semana estivo en Santiago de Compostela para entregar os Premios 10 de Marzo, quixo volver de novo a Galicia para poñer en valor a importancia do Día da Clase Obreira Galega.

    «É unha data lutuosa, pero moi importante para o movemento obreiro en Galicia e en toda España», sinalou Sordo. O dirixente sindical ligou as loitas obreiras coa memoria democrática, pois as reivindicacións sindicais e pola mellora das condicións de traballo «eran tamén unha maneira de reivindicar os dereitos e liberdades de que careciamos», apuntou.

    Outros actos

    Como parte da conmemoración deste histórico Día da Clase Obreira Galega, CCOO mantivo unha ampla representación nos actos institucionais organizados polo Concello de Ferrol.

    Xa pola tarde, CCOO organizou unha mesa redonda no Teatro Jofre sobre o movemento obreiro e a creación das Comisións Obreiras. Moderou a xornalista Marta Corral e participaron Ignacio Fernández Toxo, ex secretario xeral da Confederación Sindical de CCOO, e Nicolás Sartorius, cofundador das CCOO.

    De aquí ao día 13 aínda haberá máis actos, como outra mesa redonda, a entrega de premios do concurso de debuxo e un concerto.