Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

Axudas á conciliación para persoas traballadoras autónomas

    Orde do 12 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR341R).

    03/02/2022.
    Foto: Pixabay

    Foto: Pixabay

    O Gabinete de Igualdade do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, na súa función divulgadora e sensibilizadora en materia de igualdade laboral, publica este resumo dos puntos clave das bases reguladoras das axudas que promove a Consellería de Emprego e Igualdade para a con­ciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras autónomas durante o 2022 en Galicia. 

    EN QUE CONSISTE?

    Trátase da convocatoria pública de axudas económicas para a conciliación da vida familiar e laboral para as persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que desenvolvan a súa actividade en Galicia.

    Con estas axudas, a persoa traballadora por conta propia obterá unha compensación para a contratación dunha persoa durante un período máximo dun ano, para favorecer a conciliación da súa vida persoal e laboral e facilitar a continuidade e consolidación do seu proxecto empre­sarial. A idea é facilitar a contratación dunha persoa ou os servizos dun centro, ben sexa finali­zado o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, ou ben en calquera momento en que se precise para apoiar o coidado de menores e/ou maiores dependentes.

    É unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, polo cal a súa resolu­ción será por orde de entrada no rexistro das solicitudes presentadas (e ata esgotar o orza­mento).

    O prazo máximo de presentación de solicitudes é dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG). A publicación foi o mércores, 2 de febreiro de 2022. Contan cun prazo máximo de resolución de tres meses.

    Máis información no documento anexo a esta nota informativa ou picando aquí.