Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

CCOO reclámalle á Xunta «valor» e «compromiso» co sector eólico

    O secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sostibilidade de CCOO, Francisco Méndez, participou este xoves en Santiago de Compostela na xornada «Emprego e Sostibilidade en Galicia no 2022». Neste foro, o representante de CCOO defendeu as potencialidades do sector eólico para xerar postos de traballo de calidade no noso país.

    28/01/2022.
    Intervención de Francisco Méndez, secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sostibilidade

    Intervención de Francisco Méndez, secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sostibilidade

    No caso concreto da eólica mariña, Méndez cualificouna como «o gran potencial», pois na comarca de Ferrol xa está xerando máis de 2000 postos de traballo, cifra que no futuro se podería multiplicar por tres ou por catro.

    En opinión de Méndez, tanto a eólica mariña como a terrestre son fundamentais para Galicia, máis aínda nun contexto de «problema estrutural de perda de emprego industrial». Isto é así porque o noso país ten industrias moi dependentes de modos de xeración e produción antigos. «As renovables son enerxías que lle poden dar a volta a isto», sinalou.

    Neste contexto, advertiu do problema que supón para Galicia a moratoria para a construción de novos parques eólicos terrestres «por motivos puramente políticos e mesmo estéticos». Esta decisión «pon en perigo» tanto milleiros de empregos —4000 na instalación e uns 400 no mantemento— como os grandes consumidores industriais de enerxía, que deben agardar ao despregamento de contratos bilaterais de subministración «para sobrevivir».

    Como exemplo desta situación mencionou a factoría de Alcoa en San Cibrao, na Mariña. «Se non se constrúen os parques que están asociados aos preacordos de subministración, dificilmente poderán rearrancar as cubas e a produción no ano 2025». Isto, por non falar de proxectos como o vehículo eléctrico, que require moita máis enerxía renovable da que se está a producir en Galicia.

    Por todo isto, o secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sostibilidade de CCOO esixiulles ás Administracións públicas —sobre todo á Xunta— «valor» e «compromiso» respecto do sector eólico.