Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

O TSXG condena a Conservas Carnota por vulneración de dereitos sindicais

CCOO logra a readmisión dunha traballadora despedida por estar afiliada a este sindicato

    O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condena a Conservas Carnota (grupo Conservas Dani) pola vulneración de dereitos sindicais dunha traballadora afiliada a CCOO, despedida por un suposto baixo rendemento.

    26/01/2022.
    convenio estatal de conservas de peixe

    convenio estatal de conservas de peixe

    A empresa deberá readmitila e indemnizala con máis de seis mil euros polos danos e prexuízos

    Con esta sentenza, o alto tribunal galego confirma o que Comisións xa gañara no Xulgado do Social n.º de Santiago, na demanda interposta pola graduada social Matilde Mallo Nieves (da asesoría xurídica de CCOO de Santiago-Barbanza): que o despedimento da traballadora se baseara na súa pertenza a un sindicato que lle resultaba incómodo á empresa e que nos últimos anos lle gañara máis de vinte reclamacións xudiciais.

    Un argumento fundamental para chegar a esta conclusión é que a traballadora foi despedida canda a outras tres —cuxas demandas se atopan en distinta fase procesual—. Todas elas compartían dúas condicións: seren fixas-descontinuas e afiliadas a CCOO. Despedimentos, ademais, realizados a poucos meses de se celebraren as eleccións sindicais na empresa.

    O TSXG coincide con esta liña argumental ao sinalar que o despedimento das catro traballadoras, notificado en decembro do 2020, «incidía decisivamente no resultado das próximas eleccións» sindicais, que tiveron lugar no verán do 2021.

    Segundo CCOO, non é habitual que a afiliadas de base se lle recoñeza esta vulneración de dereitos sindicais, normalmente reservado aos delegados é delegadas, «pero o TSXG viu clarísimo que o despedimento estaba fundamentado na afiliación a un sindicato incómodo e reivindicativo».

    O alto tribunal galego tamén lle reprocha á empresa que na carta de despedimento fixese mención a unha diminución do seu rendemento, «especialmente no último mes», cando no período referido a traballadora estaba de baixa médica, conforme se acreditou documentalmente no proceso xudicial. «Era unha torpe escusa por parte da conserveira», censuran desde CCOO.

    Así mesmo, o TSXG insta a Conservas Carnota e ao grupo Conservas Dani a readmitiren a traballadora nas mesmas condicións, a lle aboaren os salarios de tramitación e lle pagaren unha indemnización de 6251 euros para resarcila dos prexuízos e do dano moral sufrido, amais do pagamento das custas xudiciais.

    Por último, CCOO aplaude que esta sentenza chegue no medio da mobilización para esixir un convenio colectivo digno no sector das conservas de peixe. Permite «volver situar no primeiro plano da actualidade» a situación de precariedade laboral «e incluso de acoso empresarial» que padecen as traballadoras, que constitúen a gran maioría da man de obra.

    Precisamente, o sector volverá á folga os días 3 e 4 de febreiro para esixir respecto aos dereitos laborais e un convenio que permita gañar dereitos nunha actividade que xera milleiros de postos de traballo en Galicia.