Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

O TSXG ratifica a condena a Alu Ibérica por vulneración de dereitos fundamentais

    Alu Ibérica vulnerou os dereitos fundamentais dos membros do comité de folga e dos sindicatos convocadores (CCOO, UGT e CIG) na folga indefinida iniciada o pasado 26 de decembro de 2020 a raíz do despedimento dunha traballadora da factoría. Así o sinala unha sentenza do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que acaba de ver a luz.

    21/01/2022.
    Concentración dos traballadores de Alu Ibérica (9/9/2021)

    Concentración dos traballadores de Alu Ibérica (9/9/2021)

    A sentenza de primeira instancia, pronunciada polo Xulgado do Social número 1 da Coruña, ratificada agora polo TSXG, coida probado que a dirección de Alu Ibérica deu «instrucións expresas» ao persoal de seguridade para impedir o acceso do comité de folga ao centro de traballo e aos locais sindicais entre o 26 de decembro de 2020 e o 26 de xaneiro de 2021.

    Segundo a xuíza de primeira instancia, tomar esta decisión sen causa xustificada «constitúe unha intromisión ilexítima no dereito de folga» e, ademais, «frustra as lexítimas expectativas que son inherentes a esta medida de conflito colectivo, abocando os demandantes á interposición dunha demanda por vulneración de dereitos fundamentais». Esta conduta «é merecedora de reproche xurídico e a súa gravidade non admite fisura ningunha», abundaba a sentenza.

    Menor indemnización, pero idéntico fondo

    Co seu recurso ao TSXG, a empresa non negaba os feitos que motivaron a condena, senón que pretendía reducir a contía das indemnizacións, apunta o alto tribunal galego no punto segundo dos fundamentos de dereito da sentenza.

    Para isto, Alu Ibérica (Grupo Riesgo) argumentaba que «o dano colectivo causado non cabe individualizalo entre os acredores solidarios», isto é, sindicatos e membros do comité de folga, pretendendo indemnizar indistintamente a calquera dos dous colectivos.

    O TSXG rexeita taxativamente esta pretensión, pois «cada sindicato é titular do dereito á liberdade sindical na súa vertente de exercicio do dereito de folga», sen que este feito poida ser desvirtuado porque a convocatoria de folga a fixera o comité de empresa.

    Na súa sentenza, que só pode ser recorrida perante o Tribunal Supremo, o TSXG estima en parte o recurso da empresa á sentenza de primeira instancia que condenaba o Grupo Riesgo a lles aboar a cada sindicato demandante e a cada membro do comité de folga unha indemnización de 6250 euros para o resarcimento dos danos e perdas.

    O alto tribunal reduce a indemnización a 1500 euros para cada sindicato e a 3000 para cada integrante do comité de folga, mantendo os restantes termos da resolución xudicial e condenando a Alu Ibérica ao pagamento das custas procesuais.