Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 25 Abril 2024.

CCOO logra que a Xustiza lle recoñeza ao persoal dunha empresa o dereito á comida de Nadal

    Comisións Obreiras (CCOO) logra que a Xustiza lles recoñeza aos case 350 traballadores e traballadoras da empresa Domiberia SL, no seu centro de traballo de Vigo, o dereito a que a empresa recupere a comida de Nadal que levaba organizando os últimos trinta anos ata que a suprimiu alegando razóns económicas. O argumento do sindicato, ratificado polo Tribunal Supremo, é que se trataba dun dereito adquirido e non dunha concesión discrecional, polo que a supresión debía negociarse co comité.

    20/01/2022.
    Instalacións de Domiberia Vigo

    Instalacións de Domiberia Vigo

    Fronte á decisión inxusta da empresa, CCOO reclamou a restitución deste dereito pola vía xudicial. O primeiro pronunciamento, do Xulgado do Social número 2 de Vigo, foi favorable ás teses de Domiberia. No entanto, Comisións recorreu perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que si lle deu a razón ao sindicato. Desta vez foi a empresa a que recorreu á instancia superior, o Supremo, que rexeitou o seu recurso e confirmou a sentenza do alto tribunal galego.

    Para o Supremo, resulta irrelevante que a organización da comida non estea expresamente recollida no convenio colectivo, pois «estamos en presenza dunha condición máis beneficiosa adquirida [...] que constitúe un acordo contractual tácito», por máis que a empresa a tentase «disimular» como unha concesión que podía retirar ao seu antollo.

    CCOO congratúlase desta nova vitoria xudicial, unha máis en defensa dos dereitos da clase traballadora galega fronte a decisións unilaterais das empresas.