Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

Os cinco cabos de Bombeiros de Pontevedra tamén alertan da falta de persoal

    Ao informe emitido polo xefe do servizo de extinción de incendios de Pontevedra, que alertaba o Goberno local (BNG-PSOE) da falta de persoal, súmanse agora as queixas do resto do cadro de mandos, cinco cabos.

    19/01/2022.

    URL | Código para insertar

    Hai anos que CCOO vén demandado o aumento de efectivos no corpo de bombeiros para poder atender as necesidades da cidadanía con eficacia e eficiencia, sen renunciar á seguridade e protección do persoal. Recentemente, os sindicatos CCOO, UGT e CIG denunciaron situacións de risco que se repiten e agravan co novo calendario imposto pola concelleira Fouces (BNG).

    Ese calendario foi rexeitado por todas as organizacións sindicais, que avisaron de que non era a solución para os problemas de persoal, todo o contrario: xeraría máis problemas e maior malestar entre o persoal. Por exemplo, na noite do venres arderon case simultaneamente dous vehículos nas rúas Martín Codax e Ernestina Otero, e pola falta de efectivos non se puideron atender ambos os sinistros ao mesmo tempo.

    O xefe de Bombeiros alertaba hai meses do problema

    O actual xefe de Bombeiros xa alertaba sobre o problema nun informe enviado ao Goberno local, pero agora, unha vez posta en funcionamento a nova estrutura das quendas de traballo, o resto de cadro de mandos, cinco cabos, afirman nun escrito enviado ao Goberno local que están en total desacordo debido, fundamentalmente, a que non só non se arranxa o problema de base, senón que pode agravarse.

    Hai que recordar que todas as Xefaturas do Servizo de Bombeiros que pasaron polo cargo informaron da necesidade de ampliar o persoal e a estrutura de mando para un normal desenvolvemento deste servizo; polo tanto, non teñen base as afirmacións que vén pronunciando a concelleira Fouces de que non existe un problema de persoal. No tocante aos efectivos mínimos de garda, está claro que dende o punto de vista técnico son insuficientes, e non se fixo un estudo do impacto da Lei de prevención de riscos laborais no que concirne á estrutura de persoal e mantemento da operatividade. Tampouco importou que se engadise unha nova tarefa, o control da praga de vespa velutina, sen ter en conta que, coa actual estrutura de persoal, é imposible dar unha resposta áxil aos requirimentos de emerxencia.

    Este déficit de persoal pon en risco a integridade dos traballadores pola carga de traballo e tarefas nas intervencións, e tampouco é posible ter un equipo de rescate para intervir en caso de accidente laboral.

    Denuncian os cabos do servizo de extinción incendios de Pontevedra

    A concorrencia de dous mandos de igual xerarquía en cada garda implica que un dos cabos seguirá realizando funcións de xefatura da quenda, garda ou intervención por nomeamento expreso de quen proceda, e o outro realizará tarefas máis axeitadas ao seu grupo de clasificación, trasladando aos cabos o problema das funcións de superior categoría efectuadas polos bombeiros (problema que supostamente se pretende arranxar con esta modificación das quendas).

    A modificación das quendas de traballo, ao entender dos cabos, agrava os efectos negativos do traballo en quendas: os intervalos de descanso entre gardas son máis curtos e os propios descansos máis irregulares. Ademais, obrígaos de maneira unilateral a facer máis gardas das legalmente establecidas.

    Apoiando o noso criterio, en outubro de 2020 emitíase un informe da empresa de prevención de riscos laborais Cualtis Mugatra no que se di que os bombeiros teñen unha alta carga de traballo e que cómpre aumentar o persoal, tanto en bombeiros como na estrutura de mando. Porén, o novo sistema de quendas imposto engade 146 horas de traballo ao noso calendario laboral, que xa ten un exceso de 168 horas.

    Rematan os cabos alertando de que cómpre manter unha dotación de persoal nas gardas que garanta a seguridade da cidadanía e dos traballadores; isto esixe garantir por quenda unha dotación mínima dun sarxento, un cabo e sete bombeiros.