Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

Fito Ferreiro Seoane, coordinador do grupo LGTBI de CCOO de Galicia

  • «O noso obxectivo é conseguir que os espazos de traballo sexan lugares seguros para as persoas LGTBI»

A Comisión Executiva Nacional de CCOO de Galicia nomeou a Fito Ferreiro Seoane coordinador do grupo LGTBI do sindicato. Fito é membro da sección sindical de CCOO na Televisión de Galicia desde hai case trinta anos e acumula tamén unha ampla experiencia no activismo LGTBI. Recoñece a súa «satisfacción» por poder unir agora estas dúas facetas e poñelas ao servizo da clase traballadora galega.

18/01/2022.
Fito Ferreiro Seoane

Fito Ferreiro Seoane

Cal é actualmente a realidade das persoas LGBTI no mundo do traballo?

Sete de cada dez persoas non contan no seu traballo a súa orientación sexual ou identidade de xénero por temor á reacción dos compañeiros e compañeiras (mofas, insultos, marxinación...), pero tamén por medo a represalias por parte da empresa (empeoramento das condicións de traballo, menosprezos ou incluso o despedimento).

A situación aínda é peor no caso das persoas transexuais, especialmente nas de máis idade, pois na maior parte dos casos están expulsadas do ámbito laboral: ao redor do 80 % están no paro. Isto é un fracaso da nosa sociedade.

Cómpre denunciar estas exclusións…

É necesario denunciar; pero por vergoña, por presións e por outros factores, o caso é que se denuncia pouco. En Europa só se denuncian o 10 % de casos de LGTBIfobia no ámbito laboral, pero en España non chega sequera ao 7 %.

Calquera persoa LGTBI que teña un problema laboral derivado da súa orientación sexual ou identidade de xénero ha saber que pode contar con Comisións Obreiras para facer valer os seus dereitos. Que non dubide en poñerse en contacto coa sección sindical, co delegado ou delegada de persoal ou incluso acudir aos nosos locais, porque estaremos ao seu carón e darémoslle o asesoramento necesario.

Que pode facer CCOO para axudar as persoas LGBTI dentro da empresa?

O noso principal obxectivo é que os lugares de traballo sexan espazos seguros. Entre outras cuestións, traballaremos para introducir cláusulas nos convenios colectivos e nos plans de igualdade para conseguilo.

En que consistirá o labor do grupo de traballo LGTBI do sindicato?

Estará dividido en dúas partes. Por unha banda, traballar no seo do noso sindicato, para que as compañeiras e compañeiros de CCOO teñan máis coñecemento da realidade das persoas LGTBI, o que lles permitirá tamén manexar máis ferramentas para intervir.

A outra parte, como dicía antes, é conseguir que o medio laboral sexa un espazo seguro. O traballo é un lugar onde desenvolves parcelas da túa personalidade, onde pasas a maior parte do día (máis que na propia casa!), polo que é fundamental non verse obrigado a levar unha dobre vida ou ocultarse, senón todo o contrario.

Partindo de que somos un grupo de traballo dentro do sindicato, o noso labor enfocarase especialmente ao ámbito laboral. Con todo, como sindicato sociopolítico, estaremos en contacto con outros actores sociais.